19/10/19

Acto de AGAI en Ribadavia sobre as Irmás Touza



Tiven onte o pracer de participar xunto a Alexandra Touza da presentación no Museo Sefardí de Ribadavia do seu libro: "Lola, Amparo e Xulia. As Irmás Touza" coeditado por AGAI. Un acto moi especial pola carga emotiva de ter lugar na vila, nas rúas e prazas onde as tres irmás Touza levaron a cabo o seu xeneroso e valente traballo clandestino que permitíu a centos de refuxiados xudeus salvar a vida en aqueles negros tempos negros do reino da barbarie do Holocausto.

Ribadavia e todos os galegos temos aínda unha débeda moral coas tres irmás Touza e o seu enorme exemplo de entrega, sacrificio, solidariedade e humanismo en días heroicos de chumbo en todas as Europas.

Unha lembranza tamén para o doutor vigués do Areal, Eduardo Martínez Alonso, quen dirixía a mesma rede clandestina na que eran pezas clave as tres irmás Touza e que desde a fronteira pirenaica axudaba a atravesar a dura España filonazi do franquismo vencedor na Guerra Civil, a incontables fuxitivos xudeus que soñaban con chegar a Portugal e voar cara á liberdade e a vida.

Quen salva unha vida, salva un mundo enteiro.
Un bico Lola, Amparo e Xulia

Pedro Gómez-Valadés
Presidente de AGAI