Amosando publicacións coa etiqueta galicia. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta galicia. Amosar todas as publicacións

15/03/18

"Judios y conversos de Monforte de Lemos" por Felipe Aira



"Judios y conversos de Monforte de Lemos" ten unha parte que lle chamamos historiada, que e a parte amena, pero, como consecuencia de ser un libro de historia rigoroso, documentado e con moitas fontes; ten unha parte na que vai o apéndice documental, con todo os documentos transcritos; logo aos pés de páxina, as fontes e bibliografía... en total 158 follas. Non quixen encher por encher. e facer e meter palla para que fose máis voluminoso e dicir en cinco páxinas o que se pode decir nun parágrafo de cinco liñas.



Investigacións en varios arquivos:

Arquivo Histórico Nacional "Sección Clero" Inquisición de Santiago de Compostela.
Arquivo Real Chancellería de Valladolid, Sala de Hijosdalgo. Padrós da vila de Monforte de Lemos.
Arquivos Parroquiais de Santa María de A Régoa e San Vicente do Pino, as dúas que existían en Monforte na época tratada.
Arquivo Diocesano de Lugo
Arquivo Municipal de Monforte de Lemos......
Coleccións particulares varias. Especialmente, a da familia López Baamonde, onde atopei o libro rexistro de escrituras de fray Mancio de Torres, realizado no ano 1613, rexistrando todas e cada unha das escrituras que tiña daquela o arquivo. Foi a fonte onde máis datos atopéi de xudeos antes da expulsión.
En total perto de 90 obras

Felipe Aira

19/02/18

Acto institucional no Parlamento de Galicia en homenaxe ás vítimas do Holocausto e ás vítimas galegas dos campos nazis










O Parlamento de Galicia acolleu hoxe un solemne acto institucional organizado co gallo da recente conmemoración do Día Internacional en Memoria das Vítimas do Holocausto (27 de xaneiro) no que por mandato de Nacións Unidas lémbranse aos seis millóns de xudeus asasinados durante a Shoah (Holocausto en hebreo) e no que este ano tamén rendeuse homenaxe ás vítimas galegas dos campos nazis.

O presidente da Cámara, Miguel Ángel Santalices, afirmou que “ante a barbarie e na defensa dos dereitos humanos; fronte aos totalitarismos –sexan do signo que sexan- e fronte á súa barbarie, non  hai nin pode haber reservas entre os demócratas”.

Por iso, dixo Santalices, “celebro a reiterada unanimidade desta Cámara na condena do Holocausto, máis tamén para reclamar unha actitude inquebrantable fronte a posibles brotes de antisemitismo, racismo, xenofobia ou discriminación baseados na orixe étnica o unas crenzas relixiosas das persoas”.

O acto comezou coa lectura dos nomes das 193 vítimas galegas dos campos nazis, persoas que foron obrigadas a subir aos trens da morte; unhas morreron nos campos de concentración, mentres que outras foron liberadas. A relación foi proporcionada pola Asociación Galega para a recuperación da Memoria Histórica e a lectura correu a cargo de alumnas e alumnos do IES Xosé Neira Vilas de Perillo (Oleiros).

No vestíbulo principal do Parlamento de Galicia, escenario do acto, colocáronse 193 rosas brancas, aprisionadas por arame de espiño e ao carón do escudo de Galicia, como símbolo do “recordo imperecedoiro das 193 vítimas galegas deportadas aos campos nazis”.

Unha Galicia liberada das ataduras da ditadura

“Sirvan estas flores –afirmou o presidente do Parlamento- para simbolizar o recoñecemento ás vítimas dos campos nazis na Galicia actual, unha Galicia democrática, dotada das súas propias institucións de autogoberno xurdidas da Constitución española e do Estatuto de Autonomía; unha Galicia que, liberada para sempre das ataduras da ditadura, acubilla o recordo destas e de todas as vítimas, co agarimo e coa dignidade que todo ser humano merece, en especial os que loitaron pola liberdade e contra o fascismo”.

“A estas vítimas galegas –continuou Santalices- rendemos tributo na sede do poder Lexislativo galego, do mesmo xeito que homenaxeamos a memoria de todos os españois que foron deportados aos campos de exterminio, e á totalidade das vítimas do Holocausto, fose cal fose a súa orixe”.

Na súa intervención, o presidente do Parlamento recordou tamén  aos exiliados españois que, ao remate da guerra civil, en 1939, foron confinados en campos de concentración no sur de Francia en condicións infrahumanas.

“Rendemos tributo, ademais –engadiu o titular do Lexislativo galego-, a cantas persoas, especialmente aos heroes anónimos, desde as súas diversas responsabilidades, foron quen de enfrontarse á maldade extrema encarnada polo nazismo”.

Referiuse a persoas como o diplomático español Ángel Sanz Briz, coñecido como Anxo de Budapest, que salvou da morte a máis de 5.000 xudeus, argumentando os vínculos destes con  Sefarad.

Santalices recordou tamén ás irmáns Touza –Lola, Amparo e Julia-, tamén coñecidas como as Schlinder galegas, que desde Ribadavia deron soporte a unha rede que conduciu a Portugal, e desde alí a América, a varios centos de xudeus  que fuxían do horror nazi.

“Uns e outras, e moitos máis desde o anonimato, constitúen exemplos de heroísmo en grao extremo, persoas que asumiron riscos elevadísimos sen máis recompensa que a da súa conciencia, tratando de axudar a quen estaba sentenciado de antemán por un réxime despiadado”, concluíu Santalices.

A xuízo do presidente do Parlamento “segue sendo necesario explicar aos máis novos qué foi o Holocausto e as súas causas”, do mesmo xeito que, como pide a UNU, resulta preciso “condenar sen reservas calquera manifestación de intolerancia relixiosa, antisemitismo, incitación, acosou ou violencia contra as persoas ou comunidades baseadas en cuestións de carácter étnico ou relixioso”.

A UE, o mellor antídoto contra o totalitarismo

Aínda así, “hai moitas e poderosas razóns para o optimismo, comezando polas ferramentas coas que a propia Europa se dotou a si mesma para evitar repetir dramas do pasado”. Para Santalices, a Unión Europea , democrática e social, malia as súas disfuncións, segue a ser o mellor antídoto contra a barbarie e contra os totalitarismos que todos rexeitamos”.

O acto celebrado esta tarde responde a unha proposta da Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica e foi organizado logo do acordo dos catro grupos parlamentarios representados na Cámara. Durante a celebración institucional, Elías González Docampo interpretou á zanfona dúas pezas musicais: O cego da faba e Negra Sombra. O acto rematou co Himno Galego.

ACTO INSTITUCIONAL CO GALLO DO DÍA INTERNACIONAL EN CONMEMORACIÓN DAS VÍTIMAS DO HOLOCAUSTO – HOMENAXE ÁS VITIMAS GALEGAS

LISTADO DEPORTADOS GALICIA

A CORUÑA
1. ALBEDRO VILLAVERDE, José
2. ALBITE MIRANDA, Silvestre
3. ARES ARIAS, Víctor
4. BARREIRO BUGLIOT , Manuel
5. BATALLA CANLE, Fernando
6. BECERRA TRIÑANEZ, José
7. BOURNASELL SAMPEDRO, Luis
8. BREGUA MURIÑO MOURIÑO, Adolfo
9. CAAMAÑO FERNÁNDEZ, Francisco
10. CAAMAÑO Teofilo
11. CALLÓN PEÓN, José
12. CAMAÑO NOVO, Isolino
13. CAMEÁN SAN ISIDRO, Juan
14. CASAL CHAO, Juan
15. CASTILLO SOUTELO, Adriano
16. CASTIÑEIRAS DÍAZ, Joaquín
17. CENDÁN RODRÍGUEZ, Antonio
18. CONDE NÚÑEZ, Víctor Manuel
19. CRIADO GABEIRAS, Vicente
20. FARIÑA CHOUCIÑO, Antonio
21. FERNÁNDEZ GARCÍA, Manuel
22. FERNÁNDEZ PARADA, Manuel
23. FERNÁNDEZ, Manuel
24. FIDALGO ANTELO, Daniel
25. FIDALGO PÉREZ, José
26. FIGUEROA LIRES, Manuel
27. GARCÍA DE LA CRUZ, Juan Clemente
28. GARCÍA GARCÍA, Avelino
29. GARCÍA LAGARES, Arturo
30. GARCÍA SEOANE, Pastor
31. GARCÍA SOBRIDO, José
32. GÓMEZ IGLESIAS, Francisco
33. GONZÁLEZ DEL VALLE, Juan
34. GONZÁLEZ REGUEIRO, José
35. GUZMÁN FERNÁNDEZ, Rufino
36. LAMELA MARCOTE, Ramón
37. LÓPEZ CRIADO, Leopoldo
38. LÓPEZ RAMA, José
39. LÓPEZ SOTO, Félix
40. LÓPEZ YÁÑEZ, Alfonso
41. MARTÍNEZ ARIAS, Julio
42. MARTÍNEZ CACHEIRA, José
43. MENDOZA COTO, Francisco
44. MILLÁN MARTÍNEZ, José
45. MÍNGUEZ CASTRO, José
46. MOLINA PALLARES, JOAQUIN
47. MONTERO, Francisco
48. MORGADE FEAL, Jesús
49. NAVEIRA CAMPOS, José
50. NAVEIRO COUSO, José
51. NOGUEROL OTERO, Felipe
52. OUBIÑA FERNÁNDEZ, Enrique
53. OUTEIRAL RÍOS, Marcelino
54. PARDAL POUSO, Marcelino
55. PEÑA LOSADA, José Andrés
56. PEÑA MARTÍNEZ, Manuel
57. PEÑA ( PENA ) ROMERO, Francisco
58. PEREIRA PÉREZ, José
59. PÉREZ, José
60. PERMUY PÉREZ, Manuel
61. PIÑEIRO AGULLEIRO, Manuel
62. PONTES PALMEIRO, Manuel
63. RAFALES LAMARCA, Luis
64. RAMOS GONZÁLEZ, Valentín
65. REY DOMÍNGUEZ, DEMETRIO
66. REY LAGO, Juan
67. RODRÍGUEZ LOURO, Manuel
68. RODRÍGUEZ TRILLO, Juan
69. RODRÍGUEZ VILLAR, Luis
70. RODRÍGUEZ, Emilio
71. ROMANÍ ABEIJÓN, Eduardo
72. ROMERO REBÓN, Carlos
73. SAN MIGUEL PRADA, Víctor
74. SÁNCHEZ GARCÍA, Eduardo
75. SANMARTÍN FERNÁNDEZ, Bernardo
76. SEIJAS ALLER, José
77. SEIJAS INSÚA, José
78. SERRANO NOGUEIRA, Antonio
79. SUÁREZ BLANCO, Antonio
80. TALLÓN CHARLÓN, Enrique
81. TALLÓN CHARLÓN, Francisco
82. VILLAR PIÑÓN, Manuel

LUGO
83. ALONSO LOSADA, Andrés
84. ARIAS LÓPEZ, Jesús
85. BAILÍN PÉREZ, Liberio
86. CANEDA MACÍA, José
87. CASTRO GANDOY, Benigno
88. CASTRO ORTEGA Ramón
89. COLMENERO FERNÁNDEZ, Miguel
90. DÍAZ HORTAS, Aureliano
91. DÍAZ ORTAS, Victorino
92. DOMÍNGUEZ NÚÑEZ, Manuel
93. DOVAL REIJA, Enrique
94. FERNÁNDEZ FERNÁNDEZ, José
95. FERNÁNDEZ FERNÁNDEZ, Manuel
96. FERNÁNDEZ PÉREZ, José
97. FERNÁNDEZ SANTÍN, José
98. FERRO, Salvador
99. GARCI-CABALLERO QUINTANO, Joaquín
100. GÓMEZ, Francisco
101. GÓMEZ LÓPEZ, Ramón
102. GONZÁLEZ PILLADO, Juan
103. LAMELAS LÓPEZ, Manuel
104. LÓPEZ CALOTO, Benigno
105. LÓPEZ DIGÓN, Jesús
106. LÓPEZ LÓPEZ, Ricardo
107. LÓPEZ REYMONDEZ, Octavio
108. MARTÍNEZ PARADA, Cástor
109. MÉNDEZ LÓPEZ, Jesús
110. MURADO MAZOY, Jesús
111. OTERO SAAVEDRA, Francisco
112. PARDO, Manuel
113. PARDO  VALES , Rafael
114. PÉREZ DÍAZ, Marcelino
115. PETEIRA BASANTA, Servando
116. SANTÍN AIRA, Balbino
117. SOUTO VILARES, Agustín

OURENSE
118. ÁLVAREZ BERNARDO, Abilio
119. ARAUJO GONZÁLEZ, Antonio
120. BALBOA GARCÍA, Joaquín
121. BLANCO VALCÁRCEL, Serafín
122. CONDE RAMOS, Ramón
123. CORTEZ, Francisco
124. DIEGUEZ BLANCO, Antonio
125. DOMÍNGUEZ RODRÍGUEZ, Julio
126. DURÁN DURÁN, Santiago
127. FERNÁNDEZ CID Eliberto
128. FERNÁNDEZ LORENZO, Tiberio
129. FERNÁNDEZ RODRÍGUEZ, Jesús
130. FOLIA ARIAS, Benedicto
131. FORMOSO FERNÁNDEZ, Eligio
132. GARCÍA RODRÍGUEZ, José
133. GONZÁLEZ GONZÁLEZ, Albino
134. GONZÁLEZ PRADA, Isauro
135. IGLESIAS GONZÁLEZ, Francisco
136. IGLESIAS GRANDE, Luis
137. LÓPEZ MARTÍNEZ, Manuel
138. MOSQUERA GONZÁLEZ, José
139. PÉREZ, Antonio
140. PÉREZ LÓPEZ, Magín
141. PÉREZ RODRÍGUEZ, Avelino
142. PIÑEIRO CONDE, Egidio
143. RAJÓ LORENZO, Julio
144. REY DOMÍNGUEZ, Demetrio
145. RIVADA NOVOA, José
146. RODRÍGUEZ OLLERO, Verísimo
147. SOUTOLLO IGLESIAS, Manuel
148. SUÁREZ GALLEGO, Alberto
149. VÁZQUEZ ESTÉVEZ, Jaime
150. VÁZQUEZ GONZÁLEZ, Antonio
151. VÁZQUEZ VALDOMINOS, Jesús
152. VILLAR FEBRERO, Antonio
153. YEBRA DACOBA, Manuel

PONTEVEDRA
154. CAMESELLE FERNÁNDEZ, Agustín
155. CASTRO MORALES ( MOLARES)  , Domingo
156. CORTEGOSO RODRÍGUEZ, Macario
157. COTO MARTÍNEZ, Manuel
158. DÍAZ RIBAS, Ramón
159. ESPASANDÍN Manuel
160. FERNÁNDEZ CID, Eliberto
161. FERNÁNDEZ GUTIÉRREZ, Manuel
162. FERRADAS PASTORIZA, José
163. FERREIRO ÁLVAREZ, Martín
164. GARCÍA RODRÍGUEZ, José
165. GARRIDO VIDAL, Ramón (Alias: CARRERO MESTRE, León)
166. GÓMEZ CORTÉS, Ángel
167. GÓMEZ TORRES, Antonio
168. GONZÁLEZ BASTOS, ARTURO
169. GONZÁLEZ VÁZQUEZ, José
170. HOYA ALONSO, Antonio
171. IGNACIO ÁLVAREZ /ALVEZ , Antonio
172. LAFUENTE POSE, Alejandro
173. LAMAS, Antonio
174. MARIÑO LAGO, Marcelino
175. MARTÍNEZ, Eudaldo
176. MARTÍNEZ PEREIRA, Jaime
177. MIGUEZ PAZOS, Olimpio
178. MUÑIZ HERMIDA , Ramon
179. NOVOA BROVA, José
180. NÚÑEZ TARGA,  Mercedes
181. OTERO ABION, Marcial
182. PIÑEIRO OTERO, Antonio
183. QUINTANS ROMERO, Antonio
184. REY CRUZ, Manuel
185. RODRÍGUEZ ABAD, Antolín
186. RODRÍGUEZ ÁLVAREZ, JOSÉ
187. RODRÍGUEZ FERNÁNDEZ, Ricardo
188. RODRÍGUEZ OTERO, Francisco
189. SÁNCHEZ JALDA, Manuel
190. SANMARTÍN ABILLEIRA, Urbano
191. TIZÓN VÁZQUEZ, Claudio
192. VARELA LOUREIRO, Francisco
193. VILA ÁLVAREZ, MARCELINO

04/02/18

O Vigo nazi durante a II Guerra Mundial








Por Jullo E. Villarino

Non fai falta mergullar demasiado para atopar en Vigo numerosos rastros da presenza nazi durante a II Guerra Mundial. E é que tras a Guerra Civil, as Rías Baixas e en especial a súa capital, Vigo, cobrou unha importancia xeopolítica sen precedentes, acrecentada pola inminencia dun conflito bélico a nivel global.

A proximidade das famosas minas de wolframio facían de Vigo un porto de referencia, pero o que realmente interesaba da ría era a súa capacidade como porto refuxio e o seu posicionamento xeográfico no centro da fachada oriental do Atlántico. Para mostra un exemplo: durante a invasión de Polonia, en setembro de 1939, ate o 10 % dos cargueiros de toda a frota alemá gardou refuxio en Vigo.

Xa desde o 1933 (ano da vitoria de Hitler nas eleccións alemás) a presenza e influencia do Partido Nacional-Socialista Alemán mostrábase como relevante. A colonia alemá en Vigo contabilizábase en máis de 200 persoas, moi cohesionadas e de grande influencia social. Desde finais do século anterior (1896) a Deutsche Atlantische Telegraphengesellchaft -a importante multinacional de cable alemá- abría as súas portas en Vigo e con ela a instalación de técnicos, directivos e xestores.

Como dato curioso foron os empregados alemáns e ingleses do cabo alemán os que en 1876 deron acceso en Galicia do sport ou football, moito antes de que se teña crónicas dos partidos relacionados nas minas de Río Tinto en Huelva.

Existía ademais unha forte colonia de industriais e dalgúns comerciantes atraídos pola liña regular marítima que unía Vigo con Hamburgo ate o inicio da Guerra Civil, coa instalación da naviera xermana correspondente. Moitos destes empresarios deixaron a súa pegada no perfil industrial actual de Vigo como son a tenda de ortopedia Küne, as empresas navais dos Kindling ou os Meyer, a firma química Vorkauf ou a tenda de electrodomésticos Steinbürggen, que perviviron no tempo.

Pero foi en marzo de 1916, coa declaración de guerra entre Alemaña e Portugal cando os alemáns foron expulsados da nación lusa e Vigo impulsou a súa colonia alemá de forma exponencial. Os grandes industriais e comerciantes instaláronse en Portugal, pondo homes de palla nas súas empresas e mantendo o control dos seus negocios por proximidade xeográfica. Créase ademais un Fogar Alemán na rúa do Príncipe, sendo este local o principal punto de visibilidade alemán na cidade.

Vigo presentaba entón unha notable colonia, instalada ademais nos mellores postos da alta sociedade olívica. Como mostra un exemplo, durante a Primeira Guerra Mundial, instalouse na rúa Colón a chamada "Pasaxe do Faro" onde, a falta de prensa escrita actualizada e radio, anunciábanse os avances de Alemaña na contenda en pizarrons e pancartas. Lembremos que Vigo é a única cidade española, xunto a Tenerife, mencionada no Tratado de Versalles que pon fin á primeira contenda mundial e reflicte a relevancia para Alemaña do enclave galego.

Co ascenso de Hitler ao poder podíase ver a relevancia desta colonia na visibilidade de cruces gamadas polas principais vías de Vigo, e no famoso Colexio Alemán (fundado no ano 1910) creouse a primeira sección das Mocidades Hitlerianas de Vigo, á marxe das Mocidades da Falanxe, presentes xa en Galicia. No Teatro García Barbón proxectouse a película xermanófila "O triunfo Nazi en Alemaña". Instálase en Vigo un consulado, que posteriormente sería centro neurálxico da influencia dos nazis na cidade, cos seus propios funcionarios da Gestapo.

Coas primeiras tensións internacionais, as minas galegas de wolframio (Beariz, Varilongo ou Fontao) aumentan a súa relevancia. Establécese unha repartición igualitaria pola neutralidade do país propiciada por Franco, pero de igual forma o importante mercado clandestino ten en Vigo uno dos seus puntos neurálxicos de saída. Había fondeadeiros clandestinos de embarcacións alemás nas Illas Cíes e nas proximidades de Rande, onde os restos dun embarcadoiro en Chapela aínda se coñecen como "a fábrica do alemán".

Un dos exemplos máis visuais do poderío nazi en Vigo foi o embarque, o 26 de maio de 1929, da Lexión Condor. O goberno franquista local quixo manifestar o seu apoio ás forzas alemás e estableceron un desfile militar sen precedentes, presidido polo xeneral Antonio Aranda. Presidiu todos os festexos a cruz gamada, e o desfile, de cinco mil soldados nada menos, discorreu pola Porta do Sol, o Farol de Alfonso e a baixada da rúa Urzáiz, ata chegar ao Berbés, onde as lexións embarcaron en ata cinco transatlánticos: o Wilhelm Gustloff, o Deutsche, o Stuttgart, o Sierra Córdoba e o Robert Lei.

É en Vigo onde Alemaña establece en 1942 unha base permanente de subministración de combustible, co cargueiro Bessel que se establece no medio da ría. O nome en clave da cidade olívica, para as comunicacións abertas, era "Bernardo". As embarcacións alemás podían parar nas  súas proximidades e obter subministración e carga de combustible en tempo record. É certo que en Vigo estableceuse un porto de refuxio neutral, e que ambos os contendentes podían recibir auxilio e apoio durante 24 horas, tras as cales debían abandonar o porto refuxio. Pero non deixa de ser evidente que Vigo era un porto moito máis relevante para o bando nazi.

Á calor da anterior base petroleira, os nazis establecen na ría de Vigo un dos seus principais puntos de encontro para a súa frota de submarinos U-Boots. A ría de Vigo, lembremos nome en clave "Bernardo", era a gorida dos lobos, como a chamaba o comandante Doenitz, xefe da frota, que tomaba Bernardo como un dos puntos fundamentais para as súas mandas de lobos no Atlántico.

Hai presenza actual de polo menos tres pecios afundidos nas proximidades de Vigo. O U-506 afundido polo avión norteamericano Liberator, provocando 48 mortos. O U-134 afundido pola RAF fronte ás Cíes. O U-523 afundido por dúas fragatas británicas, con 17 mortos. outros tantos pecios localizados atópanse na ruta que vai desde Vigo ata Baiona e A Garda. É evidente que a ría de Vigo viviu sanguentas batallas navais e que aínda que en terra gardábanse as formas pola neutralidade establecida polo réxime franquista, a complicidade das autoridades era evidente.

De feito, as listas presentadas tras a Segunda Guerra Mundial revelaban a importante presenza de espías alemáns en Galicia, con base no consulado de Vigo, asociados ás importantes vinculacións da cidade con Suramérica e Portugal. Algúns con nomes tan relevantes como Alten Meyer, Thomas alias Walter Gieze, Alfred Shulz ou Eduard Arnold. Nazis protexidos posteriormente polo réxime franquista. Ata unha trintena de nomes foron establecidos como rede de espionaxe en Vigo, tras os interrogatorios en Nuremberg.

Tal era a importancia de Vigo, tamén en clave de información que se revelaba como o punto de comunicacións internacionais fundamental. Alberto Carballo, ex empregado da Eastern Telegraph Company, nas súas memorias inéditas, comenta que a diario o ministro de exteriores nazi, Joaquim Von Ribbentrop, cruzaba decenas de cables en clave con Xapón, especialmente co príncipe Konoe, e o xeneral Hideki Tojo. Os despachos enviábanse desde Hamburgo e remitíanse desde Vigo, principal liña de comunicación cos aliados en Asia, tras cifralos coas famosas máquinas Enigma ou Lorenzo.

Pero é tras a Segunda Guerra Mundial cando Vigo alcanza, curiosamente, un papel máis relevante na historia europea. Os altos mandos alemáns poñen en marcha a operación ruleta (Der Spinner) que trataba a fuga e posta a salvo dos altos mandos e oficiais nazis a países neutrais. Vigo, como principal porto cara a Sudamérica, tivo un papel fundamental nestas viaxes transatlánticas, ante a pasividade complice do réxime franquista.

Non obstante, moitos mandos alemáns ocultáronse e viviron en Vigo e as súas proximidades; como Walter Kutschman, un dos carniceiros dos campos de exterminio que residiu baixo identidade oculta en Vigo durante varios anos ata fuxír a Arxentina; Heinz Ger Sauer, Comandante da Gestapo que residiu en Soutoaxuste (O Viso) ou Roderick Prince Mann, xefe dos servizos de espionaxe en Galicia que residiu en Sabarís (Baiona) ata a súa morte.

En calquera caso falamos dunha moi potente presenza do réxime nazi na cidade de Vigo, da que quedan elementos materiais, restos fundamentados e unha multitude de bibliografía, tristemente espallada e en moitos casos perdida. Un pasado case descoñecido para a gran maioría dos veciños da cidade que non merece o esquecemento a que se está condenando este capítulo da historia local.

Bibliografía:
Baena, Ana. "Cuando Hitler mandaba en Vigo". Artigo publicado en Atlántico Diario,
Cabanelas, José Ramón. "Vía Vigo"
De Blas, Ceferino. "La huella Alemana". Artigo publicado en Faro de Vigo,
García, Antonio. "La ría de Vigo, el eslabón oculto de Hitler".
Giraldez Lomba, Antonio. "Vigo e a súa colonia alemá durante a Segunda Guerra Mundial".
Meyer, Eliah. "The factual list of nazis protected by Spain"
Moreno, Rafael. "El misterio del submarino nazi de las Islas Cíes". Artigo publicado en ABC
Orio, Manuel. "U-Boots baixo as augas de Vigo"
Prego, Carlos. "Así era a embaixada nazi en Vigo". Artigo publicado en Faro de Vigo
Quiroga, Xavier. " Izan ou dá saca"


29/01/18

O presidente Feijoo visita oficialmente Israel


Desde a Asociación Galega de Amizade con Israel (AGAI) felicitámonos de que finalmente a nosa proposta feita por vez primeira hai xa 11 anos, e pola que levamos traballado dende a nosa propia constitución no ano 2006, vexa finalmente a luz. Porque con certeza haberá un antes e un despois nas relacións entre Galicia e Israel após a viaxe do presidente galego a Israel.   

O presidente Alberto Núñez Feijóo, acompañado polo conselleiro de Economía e Industria Francisco Conde realiza durante esta semana unha ambiciosa viaxe oficial a Israel na que ademais das importantes citas económicas manterá tamén unha xuntanza en Xerusalén na Knesset (Parlamento israelí) co seu presidente, Yuli Edelstein.
A iniciativa ten coma obxectivo principal promover Galicia en Israel como un lugar onde existen importantes sectores estratéxicos que co apoio da Xunta están impulsando a innovación e a Industria 4.0, ao tempo que se está fomentando a captación de investimentos. Deste xeito, a delegación galega que chegou onte martes a Israel estará formada tamén por unha vintena de centros tecnolóxicos e empresas dos sectores da aeronáutica, automoción, robótica, biotecnoloxía, TIC e agroalimentario.

A axenda da viaxe de tres días de duración estará centrada en foros e encontros empresariais. Salientar entre os actos programados unha xuntanza empresarial, que se celebrará o martes en Tel Aviv, entre empresas de Galicia e Israel.

Cómpre resaltar tamén a visita o xoves a capital israelí, en Xerusalén o presidente galego visitará o OurCrowd Global Investor Summit, un evento no que se darán cita importantes investidores, o que permite xerar oportunidades comerciais ás empresas que participan. Será, polo tanto, unha importantísima vía para difundir o ecosistema de emprendemento e innovación que existe en Galicia. No eido da innovación, a misión comercial permitirá dar a coñecer en Israel o Plano Galicia Innova 2020, unha iniciativa que mobilizará 1775 millóns de euros ate 2020 co obxectivo de impulsar a actividade económica e industrial, o que redundará na xeración de emprego e innovación. Un exemplo recente do impulso que Galicia está dando á innovación, é o desenvolvemento da primeira incubadora galega de novos fármacos, pioneira tamén en España, na que a Xunta conta coa colaboración da empresa Janssen e da Fundación Kaertor. Esta aceleradora fará de Galicia un polo de innovación aberto ao descubrimento de fármacos, atraendo a Galicia o mellor talento e favorecendo a captación de investimentos, a transferencia de coñecemento e o espírito emprendedor, buscando que novos fármacos logren chegar ao mercado. 

Neste sentido, a viaxe a Israel tamén servirá para informar da aceleradora Business Factory Auto (BFA), na que están implicados todos os axentes da automoción galega e coa que se estima unha mobilización de 20 millóns de euros ate 2020. Durante os diferentes foros e encontros empresariais programados, a Xunta dará a coñecer a nova Lei de implantación empresarial, que ten como principal reto fortalecer e mellorar a competitividade do tecido empresarial afincado na Comunidade e atraer, ao mesmo tempo, novos proxectos con máis simplificación, reducindo á metade os prazos de tramitación, manténdose todas as garantías e ofrecendo máis facilidade para acceder a solo industrial e máis incentivos fiscais para favorecer a chegada de novas firmas coa colaboración das administracións locais a través dos Concellos Emprendedores.

Neste mesmo eido, para facilitar a captación de novos investimentos, a Xunta informará de que conta coa Oficina Doing Business, unha plataforma pública online que se constitúe como unha canle directa con cidadáns e empresas para suprimir barreiras e impulsar novos proxectos.

En definitiva, a misión comercial a Israel busca novas vías de investimento, colaboración e alianzas estratéxicas nun dos mercados máis punteiros a nivel internacional como é Israel, unha gran potencia en solucións innovadoras para a agricultura e a alta tecnoloxía, ámbitos tamén estratéxicos para o futuro de Galicia. De feito, as exportacións galegas a Israel aumentaron no 2016 un 23% máis que en 2015, cuadriplicando as rexistradas en 2009. En 2016, ademais, 121 empresas galegas exportaron ao Israel, un 70% máis das que o facían oito anos antes. 

01/06/17

A viaxe de Carlos Casares a Israel

Carlos Casares no Muro das Lamentación de Xerusalén (Israel)


No mes de novembro de 1998 Carlos Casares viaxou a Israel. Desde alí, enviou as seguintes crónicas diarias “Á marxe” (La Voz de Galicia).

ISRAEL

Hoxe escribo desde a cidade de Tiberíades, en Israel, á beira do Mar de Galilea, un lugar que está situado a trescentos metros por debaixo do nivel do Mediterráneo. Hai pouco aínda, cando viña para o hotel, ás seis da tarde, as rúas estaban desertas e as tendas todas pechadas. Desde que se puxo o sol e saíron as tres primeiras estrelas, a iso das cinco e media, empezou o “shabbat”, día de descanso para os xudeus. Durante vinte e cinco horas non poden facer nada, nin sequera acender unha luz. A cidade, non obstante, vese iluminada. A tecnoloxía resolveu o conflito. Abonda con dispoñer dun reloxo programador para que non falte a luz nas casas.

Hai cidades, non obstante, onde os xudeus ortodoxos son minoría, como Tel Aviv ou Haifa, nas que estivemos onte e nas que non se cumpre a norma do descanso: abren os comercios e as discotecas, e a xente pode cociñar e acender as lámpadas. Por iso teñen a categoría de cidades impuras. Curiosamente son tamén os lugares onde conviven sen problemas os árabes, os xudeus e os cristiáns.

Por certo que no avión israelí que nos trouxo desde Madrid despois de pasar un control de seguridade que para min xupuxo un interrogatorio de case media hora, a unha amiga miña presentóuselle un problema inesperado: un mociño ortodoxo, con kipa na cabeza, pediulle que cambiase de asento, pois a súa relixión non lle permitía viaxar ao lado dunha muller. O incordio resolveuse coa intervención de outro xudeu, este sen kipa, que lle botou unha bronca ao mozo intransixente polo seu rigor. O mozo fixo a viaxe enfurruñado. Seguro que se tivo que purificar ao chegar á casa. Tampouco era para tanto: é normal ducharse despois dunha viaxe.

Sábado, 14 de novembro de 1998.


UN CONSELLO

Nesa terra de Galilea, en pequenos lugares situados á beira do lago transcorreu un anaco da vida pública de Xesús de Nazaret. Confeso que a maior parte deles non me dixeron case nada. No monte Tabor, onde tivo lugar a Transfiguración, todo se botou a perder cando un frade nos amosou a marca do pé de Cristo. Na colina do Sermón da Montaña, parece un sarcasmo que o templo que conmemora un dos discursos máis fermosos da Historia fose construído por Mussolini. No río Xordán, venden botellas de auga a tres dólares, mentres centos de turistas americanos vestidos con túnica branca se bautizan por inmersión entre aplausos.

Cafarnaúm é diferente. Esa foi a aldea na que viviu Xesús. Por fortuna, ninguén pretende coñecer cal era a súa casa aínda que está sinalada a que pertenceu a Pedro. Abonda con entrar no que queda da sinagoga, onde el falou, para deixarse levar pola emoción. E sobre todo, mirar arredor: os camiños, as vistas sobre o lago ou os perfís das montañas que o rodean, incluídos os célebres altos do Golán.

Ese monte simboliza en parte a traxedia deste país. Por certo que, entre os meus compañeiros, vexo a algúns deles preocupados coa crise de Iraq, sobre todo desde que se soubo que as autoridades de Israel repartiran máscaras de gas en prevención de calquera ataque de represalia. Esperemos que non pase nada, pero en todo caso, se pasase o peor, haberá que seguir o consello que lle deu unha nena pequena, filla dunha amiga miña, á súa nai: “Mira, mamá, se hai guerra, ti mantente á marxe”. Son palabras dunha sabedoría apabullante, moi difíciles, polo tanto, de cumprir. Mentres tanto, o mellor será gozar do presente. Mañá escribirei desde Xerusalén.

Domingo, 15 de novembro de 1998



XERUSALÉN

Para achegarse ao Muro das Lamentacións, en Xerusalén, hai que levar kipa, é dicir, esa especie de solideo que os xudeus practicantes poñen no cocote. De maneira que, cubertos con ese adminículo, alá nos fumos un grupo de amigos a mesturarnos cos xudeus ortodoxos, todos vestidos de negro, que naquel momento facían as súas oracións. Un destes últimos, vello de barbas brancas con aspecto venerable, foinos collendo un por un para darnos a bendición mentes cantaba impoñéndonos a man sobre a fronte. Pareceume un detalle simpático, incluso algo emotivo. Eu non sabía que o home facía aquilo a cambio duns dólares, que cobrou feliz.

Polo demais, a Xerusalén histórica é unha cidade moi fermosa, aínda que os lugares relacionados coa vida de Xesús resultan un pouco decepcionantes, o mesmo o Monte das Oliveiras que o Horto de Xetsemaní. O máis atractivo, polo menos para min, é a convivencia que se dá entre as relixións, aínda que non puidemos visitar as dúas mesquitas situadas na esplanada do Templo, que onte pecharon sen avisar.

Comimos en Belén, unha cidade que está sendo remozada de arriba a abaixo, hoxe convertida en territorio autónomo palestino. Nela conviven sen problemas, palestinos cristiáns e musulmáns, que residen en Israel, pero non teñen a condición de cidadáns do país. Polo que se pode deducir, os seus habitantes viven en parte do turismo e as peregrinacións que acoden a visitar a cova na que, segundo a tradición, naceu Xesús de Nazaret. Hai bos restaurantes e tendas de calidade. Por certo que entramos nunha delas para comprar algúns recordos e, de repente, o dono, un palestino que falaba español, berrounos: “¡Viva don Manuel Fraga!”.

Luns, 16 de novembro de 1998.


UN CREGO

Para chegar á igrexa do Santo Sepulcro, edificada sobre o que antigamente foi o Monte Calvario, normalmente sóbese a chamada Vía Dolorosa, que se inicia no palacio do procurador romano Poncio Pilatos e prosegue despois ata o alto a través do barrio árabe, cheo de tendas para turistas. A igrexa pertence hoxe a sete comunidades relixiosas diferentes, que a reparten entre si: etíopes, armenios, coptos, gregos, sirios, católicos e musulmáns. A parte máis importante, é dicir, o lugar onde se atopa a tumba de Cristo, é dos ortodoxos gregos, que son os encargados de organizar e encarreirar a riada enorme de peregrinos de todo o mundo que acoden ata alí.

Non me estraña que algúns destes sacerdotes teñan mal xenio. Onte, por exemplo, na porta do sepulcro estaba un noviño duns trinta anos, bastante desagradable. Rifaba por calquera cousa, ademais de que falaba cunha voz imperiosa, máis mandarica que cristiá. Confeso que ao pouco de chegar, mentres faciamos unha longa cola eu xa coñecía a antipatía que me inspiraba o personaxe.

Pouco despois, saíu como disparado do seu sitio, dirixiuse berrando cara a nós e botoulle unha bronca a unha parella de amigos meus, marido e muller, porque el tiña a man apoiada sobre os ombros dela. Pareceume tan mal, que non puiden evitar dicirlle que aquela actitude dos meus amigos era correcta e que non tiña dereito a berrarlles daquel xeito tan pouco cristián. Coa mesma voz dura de home intransixente, respondeume: “¡Si, pero isto non é un dormitorio!”. Só me quedou a dúbida de saber se, no caso hipotético de que a parella, en vez de apoiarse un no outro, discutise en voz alta, o creguiño rabudo tería actuado coa mesma dilixencia.

Martes, 17 de novembro de 1998


ORGULLO

Para ir de Xerusalén a Petra, a mítica cidade situada no veciño reino de Xordania, hai que seguir un camiño bastante absurdo. En primeiro lugar, vaise en dirección norte, deixando o río Xordán á dereita, logo atravésase a fronteira, sobre o río, e iniciase a volta en sentido contrario, desandando unha boa parte do longo percorrido feito a través do deserto de Xudea. O incordio débese a razóns de tipo militar, pois a comunicación entre os dous países, a pesar de que as relacións entre eles son hoxe moi boas, non resultan, con todo, fáciles. Entre os ríxidos controis de seguridade duns e a ineficacia burocrática dos outros, botamos na fronteira arredor de dúas horas.

Antes, ao atravesar a cidade bíblica de Xericó, convertida agora nunha pequena vila de aspecto pobre, emprazada nun oasis, ao pé do Monte das Tentacións, atopámonos cunha caravana de coches oficiais, con periodistas, motoristas, unha ambulancia e militares protexendo a ruta. Era o encontro entre Arafat e o presidente de Alemaña, que se encontraban alí. Oxalá a entrevista fose para ben.

En Xordania, todo parece moi pobre, o cal se percibe na amabilidade e na dignidae da xente. Nunha tenda, a un amigo desapareceulle a carteira cando a tiña posta sobre a mesa do caixeiro. Houbo consternación nos xordanos que nos acompañan, entre eles un policía de uniforme que vén con nós no autobús. Pouco despois chamaron polo móbil dun dos guías para avisar de que a carteira estaba alí e que todo se debera a unha confusión. Os xordanos detiveron o autobús para avisar polo altavoz cun tono épico, digno de quen acaba de descubrir un continente. Nas súas caras había orgullo. E nós, todos contentos.

Mércores, 18 de novembro de 1998


BEDUÍNOS

Supoño que Petra debe de ser unha cidade única no mundo. Situada no deserto de Edom, en Xordania, está totalmente esculpida na roca, o mesmo os templos que o teatro ou as vivendas. Penétrase naquel recinto fantástico a través dun longo camiño escavado na pedra, empotrado entre muros laterais que miden máis de cen metros de alto. Foi centro de comunicacións, cumpriu funcións relixiosas e serviu de necrópole e almacén para as caravanas que viñan de Oriente. Hoxe está convertida nun lugar turístico moi visitado, sobre todo despois de que o cine descubrise o seu engado en películas tan populares como Indiana Jones.

Para volver a Xerusalen hai que viaxar durante tres horas polos desertos sen horizontes de Edom e de Moab. Por certo que o deserto non está tan deserto como se podería pensar. Hai bastantes casas, incluso pequenas aldes, pero sobre todo vense con frecuencia as tendas rectangulares dos beduínos, habitantes naturais desas terras, que van con frecuencia dun lado para outro cos seus camelos e os seus rabaños.

Falando de beduínos, onte atopamos un deles preto do noso hotel e convidounos a media ducia de amigos a entrar na súa tenda. Ofreceunos té, que tomamos sentados no chan, e cantou para nós, acompañándose cun instrumento dunha corda. Tiña unha voz triste e melancólica, case de tópico, e uns ollos amigables, de boa xente. Conmoveunos a todos pola súa hospitalidade. Debía ser un bo tipo, pero tamén un excelente home de negocios, porque ao rematar a canción ofreceunos alfombras para comprar. Tiña un amplo surtido. A verdade é que acabou vendendo unhas cantas, especialmente cando se correu a bóla.

Xoves, 19 de novembro de 1998


O PORCO

De todas cantas cousas me chamaron a atención nestes días que pasei en Israel, as máis sorprendentes teñen que ver cos preceptos relixiosos e os formalismos destinados a burlalos, o cal non quere dicir que os xudeus sexan hipócritas ou cínicos. Polo contrario, deume a impresión de que son cumpridores, incluso aqueles que seguen os mandatos por razóns de tipo cultural e non por motivos relacionados coa piedade. Por exemplo, nos hoteis só se serve comida “kasher”, como din eles, ou “kosher”, como din os ingleses. Iso significa, por exemplo, que resulta imposible tomar café con leite, porque este último produto está prohibido mesturalo con carne.

Onte mesmo, cando viñamos no avión, nunha compañía de Israel, á hora de xantar, coa bandexa da comida entregáronnos un certificado no que se nos aseguraba que toda a comida era “kasher”, é dicir, que a carne procedía dun animal de dobre pezuña e rumiante ou de peixe con escamas e aletas, sacrificados ademais en presenza dun rabino, seguindo unhas determinadas regras e normas.
Por non ser rumiante, o porco queda excluído da dieta. Hai unha lei, aprobada no seu día polo parlamento de Israel que prohibe que se poidan criar porcos sobre solo israelí. País democrático, non obstante, as súas autoridades tiveron que aceptar a burla que atoparon nun buraco legal os habitantes dun “kibutz” ou granxa colectiva, que montaron unhas enormes plataformas de madeira, nas que se dedican desde entón a criar porcos, iso si, tendo en conta que non críen sobre “solo” de Israel, pois iso iría contra a lei. Naturalmente, en Israel hai moita xente laica que quere seguir a normas eloxiosas e que quere comer xamón.

Venres, 20 de novembro de 1998.


NORMAS

Onte falei aquí desa trampa que atoparon os habitantes dun “kibutz” de Israel para criar porcos, a pesar de que a lei o prohibe. O porco ou “jazir” é o animal máis impuro para os xudeus, non se sabe moi ben por que, aínda que a razón oficial ten que ver con dúas frases do Talmud. Unha delas afirma: “É impropio criar porcos”. A outra di: “Maldito sexa o que cría porcos”. Hai quen asegura, non obstante, que o motivo real procede dun feito histórico, cando os asirios, que daquela dominaban a terra de Israel, quixeron obrigar aos seus habitantes a sacrificar porcos no Templo. Sexa como sexa, o certo é que un xudeu observante nunca comerá carne dese animal.

O pragmatismo xudaico permite, a pesar do dito, excepcións, pois na súa cultura o ser humano é o centro da creación e todo existe para el. Iso explica que, por prescrición médica, por exemplo, se poida comer calquera alimento, aínda que non sexa “kasher”, é dicir, puro, incluido o porco; ou que as válvulas do corazón deste, tan repugnante e despreciado, se aproveiten para facer un transplante.
Pasa o mesmo coas leis referentes ao traballo no día de descanso, que son moi estritas, pero que teñen as súas trampas. Como xa dixen, durante o “shabat” non se pode traballar nin se pode mandar traballar a outro, aínda que sexa un xentil. Está permitido, non obstante, un contrato chamado “cablanut”, entre xudeu e xentil, segundo o cal, o primeiro pode encargarlle a construción dunha casa ao segundo, e este adminstra pola súa conta que días traballa, sábados incluídos, e que días non. Esta norma non vale, en cambio, para a construción dunha sinagoga, polo que os xudeus chaman o “marit ayin”. Disto falaremos no artigo de mañá.

Sábado, 21 de novembro de 1998.


APARENCIAS

Diciamos onte que un xudeu pode contratar a un xentil para que lle faga unha casa e que este, por medio dun subterfuxio formal, non está obrigado a seguir o precepto que prohibe traballar no “shabat”. Iso non vale, en cambio, para contruír unha sinagoga. A explicación é moi sinxela. No primeiro caso, alguén que observe os operarios en pleno traballo non ten por que saber se a casa que se está levantando é para un xudeu ou para un xentil. No caso da sinagoga, unha persoa que vise os traballos feitos en sábado podería tirar a conclusión de que os dirixentes xudeus incumprían a lei facendo traballar a outros.

A norma que rexe este comportamento chámase “marit ayin”. No fondo, trátase de non dar a entender o contrario do que sucede, de xeito que a xente non tire conclusións equivocadas respecto do cumprimento das leis. Esa é a razón de que os xudeus ortodoxos non estean de acordo, en xeral, coa práctica que seguen algunhas mulleres xudías de levar perruca en vez de tapar o propio cabelo cun pano.

Un xudeu practicante raramente pora margarina na mesa, a pesar de que se trata dun produto vexetal, sen leite, admitido, polo tanto, nunha comida na que haxa carne. A razón é a mesma dos exemplos anteriores. Alguén que observase desde lonxe podería confundir a margarina con mateiga, que por ser produto lácteo, queda excluído do xantar. Desta maneira sacaría a conclusión equivocada de que se estaba violando a lei. Nestes días pasados en Israel, foime imposible tomar café cortado despois das comidas, pois non se serve leite baixo ningún cocepto. A razón está nunha cita da Biblia: “Non cocerás o cabrito no leite da súa nai”.

Domingo, 22 de novembro de 1998


A MEZUZA

Estes días pasados, cando estaba en Israel, todo o mundo andaba moi intrigado cun pequeño detalle que non podía pasar desapercibido, tendo en conta que se trataba dun obxecto moi visible, estendido por todas partes. Nas portas dos hoteis, o mesmo en Tel Aviv que en Xerusalén ou en Tiberíades, había unha figura en relevo, duns dez centímetros de longo, cravada sobre o lintel, parecida a un raio. Alguén descubriu logo que ese signo aparecía en case todas as portas do país, nos restaurantes, nos cafés, nas sinagogas e incluso nos portais das casas privadas. Hai, segundo teño entendido, unha lei que obriga aos xudeus de Israel a usar ese signo.

Chámase a “mezuzá” e ten un significado baseado na Biblia, como ocorre case sempre coas normas dos xudeus. A súa orixe remóntase á historia da morte dos primoxénitos, tal como se conta no Éxodo, que antes se estudaba nas escolas, cando había a materia de Historia Sagrada. A “mezuzá” recorda o sangue que sinalou as casas dos xudeus para que o anxo exterminador pasase de largo.

A utilización desta marca está sometida a certas regras. Cando un xudeu cambia de casa, por exemplo, debe retirar as “mezuzot” (plural de “mezuzá”) dos linteis das portas para evitar a súa posible profanación, sobre todo cando o novo inquilino sexa un xentil. Hai, non obstante, unha excepción a esta norma. No caso de que este último puidese sentirse molesto ou ofendido porque lle quitasen o obxecto citado, o anterior quedaría autorizado a deixar as cousas como estaban. Non debe esquecerse que no xudaísmo hai un principio que di que cómpre evitar tensións entre xudeus e non xudeus. Contrariamente ao que di o tópico, os xudeus son tolerantes.

Luns, 23 de novembro de 1998.

Á marxe, 1998: obra xornalistica VII
Biblioteca Carlos Casares, Carlos Casares
Literaria (Editorial Galaxia)
ISBN  8498651352, 9788498651355


N.º de páxinas 251