Por Pedro Gómez-Valadés
O coñecido como Acordo Nuclear con Irán (PAIC - Plan de Acción integral Conxunto), non foi unha resposta totalmente satisfactoria ao programa militar nuclear iraniano. O acordo de 2015 tiña como intención a de impedir que a república islámica de Irán desenvolvese as súas capacidades militares nucleares, pero con todo, non puxo fin ao fondo do problema, ás ambicións agresivas de Irán.
O PAIC creou un mecanismo que de feito chegado o caso facilitaría o camiño de Irán cara a posesión do arma nuclear. A denominada "cláusula de suspensión" do acordo que garante que despois de só 10 ou 15 anos, Irán podería comezar de novo o seu programa de enriquecemento de uranio. Unha vez chegado a este punto, en cuestión de moi poucos meses, Irán tería capacidade de introducir centrifugadoras avanzadas para así producir uranio dabondo apto para a construcción de armas nucleares. Por tanto, o acordo non eliminou nin controlou realmente a ambición iraniana durante moitas décadas e a capacidade de producir armamento atómico. O PAIC merma a capacidade da comunidade internacional para presionar a Irán polos seus comportamentos claramente expansivos e hostís na rexión. Isto inclúe o desenvolvemento continuo de mísiles balísticos e de cruceiro de longo alcance, que teñen a capacidade de portar cabezas nucleares incluso até o corazón de Europa. O mantemento do PAIC significa tamén a renuncia de feito ás presións para devolver a Irán á mesa de negociacións e deter as súas políticas intervencionistas globais.
En abril de 2018 a intelixencia israelí (Mossad) descubriu o coñecido como "documentos iranianos" revela que Irán tivo un programa secreto de armas nucleares desde hai moitos anos, e mantén este programa nunha clara violación do acordo do PAIC. O réxime iraniano tamén extorsiona descaradamente á comunidade internacional ameazando o tránsito dos buques petroleiros a través da rexión. Irán utiliza este método para así amedrentar á comunidade internacional e persuadila de que sería mellor para esta permitir o programa de acción do PAIC e evitar as sancións
A comunidade internacional agardaba que o PAIC abrise unha oportunidade para que o réxime iraniano utilizase os recursos do levantamento das sancións para mellorar a economía e o benestar do pobo iraniano e de paso converterse nun membro fiable da comunidade internacional. En cambio, o réxime dos aiatolás gastou miles de millóns en financiar guerras sanguentas e milicias mercenarias en todo o Oriente Medio. En Siria, a forza Quds, no Líbano, Hezbolláh (que ten fábricas para a conversión de mísiles de precisión, a escasos metros do aeroporto internacional de Beirut). En Iemen, os Hutíes están a atacar aos buques petroleiros, instalacións e aeroportos sauditas. En Gaza, Hamás e Yihad Islámica seguen disparando miles de foguetes contra a poboación civil israelí. Os organismos de seguridade occidentais desbarataron varios ataques terroristas organizados por parte de axentes iranianos tanto nos Estados Unidos como en Europa. Esta actividade terrorista global é promovida e patrocinada pola Garda Revolucionaria Islámica iraniana.
Un pode ou non estar de acordo coa decisión unilateral de Estados Unidos de retirarse do acordo, pero indubidablemente é evidente que o PAIC concédelle a Irán un camiño para acadar armamento nucleares nun futuro próximo, permitíndolle afortalar a súa estrutura militar e expandir as súas políticas desestabilizadoras en todo Oriente Medio baixo o paraugas do acordo.
O admirable patrimonio cultural e histórico da histórica gran nación de Irán, que enriqueceu a historia da civilización, vese eclipsado polas inxustificables ambicións militares nucleares dos Aiatolás. O réxime teocrático está a privar ao pobo iraniano da oportunidade de desempeñar un papel importante no escenario internacional. En lugar de investir no progreso e benestar do seu pobo, Irán prioriza o desenvolvemento da súa capacidade ofensiva militar con mísiles nucleares e balísticos e o apoio do terrorismo internacional.
É esencial que a comunidade internacional se una para atopar unha solución que garanta verdadeiramente que Irán nunca se converta nunha potencia nuclear, nun novo acordo que afronte as ambicións hexemónicas iranianas na rexión, que deteña o seu apoio ao terrorismo e que poña fin ao seu desenvolvemento de mísiles balísticos.
Pódese confiar realmente nun réxime que enganou constantemente? A comunidade internacional debe esixir un cambio radical na política do réxime e implementar un método verificable para garantir que Irán xa non representará unha ameaza. Lamentablemente a campaña de máxima presión actual de EE.UU. é a única ferramenta diplomática efectiva contra o réxime iraniano. Manter as presións e intensificalas evitará o perigo dunha guerra rexional e sen dúbida producirá resultados positivos visibles.