01/04/19

Contra Eurovisión en Israel (e Israel en Eurovisión)?




Por Pedro Gómez-Valadés

Escoitamos estes días da celebración en Santiago de Compostela dunha gala contra a participación de Israel en Eurovisión (e de Eurovisión en Israel). Excuso dicir que mesturar un certame musical internacional coa política é non só un erro, é unha maldade esteril

Desde logo e ainda que os seus promotores dixeran o contrario, os chamados ao boicot non promoven a paz, nin consiguen que as partes en conflito sexan máis flexibles. Necesariamente flexibles. Pola contra os esforzos encamiñados a impulsar e promover o boicot dividen ainda máis ás sociedades en litixio.
O conflito palestino-israelí non é sinxelo, non é un debuxo en branco e negro. Cada bando terá que traballar arreo na procura das mellores condicións para a paz, culpar e sancionar a un só bando non contribúe en nada a tarefa de achegar posturas, algo esencial se realmente queremos ver algún día un horizonte pacífico e de boa convivencia entre palestinos e israelis. Boicotear a Israel, aos produtos israelís, a cultura israelí, o deporte israelí, ou a Eurovisión en Tel Aviv, non fomenta precisamente que os líderes palestinos vexan necesarias as negociacións, de feito, co boicot contra "o outro bando" móstraselles que non é precisa ou cando menos esencial a negociación, porque outros están xa dispostos a ferir ao "inimigo", económica e politicamente. Boicotear a Israel non contribue a axudar aos palestinos na mellora da calidade das súas vidas, nin a construir o seu futuro Estado, nin xa que logo, a desenvolver as indispensábeis institucións democráticas palestinas.

O boicot contra Israel é un movemento destrutivo, unha clara apoloxía do antisemitismo por moito que os seus promotores e activistas se travistan baixo o disfraz do "antisionismo". Se  en verdade pretendemos facer un contributo positivo para a imprescindible paz, colaboremos entón cos esforzos e cos programas de apoio mutuo, de interrelación entre a sociedade civil israelí e palestina, pero non engadamos incomunicación onde é precisa unha sobredose de intercomunicación. Noutras palabras, investir na paz e convivencia, non en enfatizar as dirferenzas, na falta de cobertura e nas chamadas perdidas. O argumentario en apoio ao boicot busca só xustificar e deslexitimar ao Estado xudeu de Israel. Os responsábeis dos esforzos do boicot curiosamente nunca mencionan a ameaza terrorista permanente coa que convive Israel, e nunca teñen a ben mencionar a grupos islamofascistas como Hezbolláh, Hamas, Yihad islamica... Ignoran a mantenta as décadas de permanente acoso e derribo contra Israel con guerras e terrorismo. 
 
Apoiar o chamado ao boicot contra Israel é dar cobertura as forzas máis reacionarias da rexión e do mundo. Os promotores do chamado BDS (Boicot, Desinversión, Sancións) alíñanse de facto con Hamas ou Hezbollah, dous dos movementos políticos máis represivos, reaccionarios e fundamentalistas do mundo. Que organizacións supostamente progresistas ou de esquerdas apoien implicitamente -e incluso explicitamente- a grupos desta caste, e unha delirante contradicción cos máis fundamentais valores que seica din defender. Claro que é moito máis doado atacar, criminalizar e tentar deslexitimar a Israel que "convencer e persuadir" a Hamas, a Yihad islamica ou Hezbollah de que deben respectar os dereitos humanos, os dereitos civís, os dereitos das mulleres, os dereitos das minorías...dos propios palestinos. 

En definitiva, abramos portas e fiestras, tendamos pontes entre israelís e palestinos, entre palestinos e israelís. Xamais derrubar pontes, pechar fiestras e portas contribuirá a paz.