11/06/14

O Schindler portugués revive en Vigo

 
Vista xeral da sala
 
José Ribeirete, Director do Instituto Camoens e Antonio de Sousa Mendes

Pedro Gómez-Valadés, Antonio de Sousa Mendes e Natalia Costas

Unha mostra no Instituto Camões rememora a fazaña do cónsul luso que traballou na cidade olívica en 1927 e que en Francia salvou a vida de miles de xudeus en 1940

Por Mar Mato
Faro de Vigo - 11.06.2014

Un día dos últimos anos do pasado século, en Nova York, nun acto en honra aos Xustos das Nacións -o programa que recoñece a vítimas e heroes do Holocausto- o portugués António de Sousa Mendes iniciaba unha conversa cunha muller asentada en Estados Unidos e á que o seu avó lle salvou a vida en 1940 cando el tiña 55 anos de idade e ela contaba con dez. Naquel momento, a muller e a súa familia xudía fuxían de Holanda cara ao sur de Europa. Hitler acababa de declarar a guerra ese ano a Noruega, Dinamarca, Países Baixos, Bélxica, Luxemburgo e Francia. O anhelo da familia era fuxir a Portugal e alí tomar un barco rumbo a América. Pero precisaban un visado. Escoitaran falar dun cónsul portugués que os expedía en Bordeus (a pesar de telo terminantemente prohibido polo goberno fascista portugués) pero non chegaron a tempo á cidade. O diplomático a abandonara ao recibir orde de Lisboa de cesar na súa tarefa por desobediencia. Continuaron cara a Hendaia e segundo relatou a muller a Antonio de Sousa alí viu un coche aparcado nunha cuneta ao carón da estrada. Tras preguntar quen era, decatáronse de que era un diplomático. "A señora lembraba un home de pelo branco sentado coa porta aberta e asinando sen parar pasaportes a refuxiados xudeus. A súa nai conseguiu ter os pasaportes listos para a familia. Para elas, foi un milagre. Despois, subiron a un barco de pesca no País Vasco francés para desembarcar en España e despois dirxirse a Portugal onde conseguiron tomar outro navío cara a Estados Unidos", explicaba Antonio de Sousa en Vigo. 

Anos despois, a muller empezou a ler en xornais e revistas a historia dun diplomático portugués, Aristides de Sousa Mendes, que selara o pasaporte a miles de xudeus na Francia de 1940. Decidiu buscar o seu pasaporte de nena e ao abrilo descubriu que levaba a sinatura de Aristides, avó de Antonio de Sousa Mendes. Este neto do cónsul -falecido en 1954- relataba onte no Instituto Camões de Vigo esta historia ante un público que ateigaba emocionado a sala e que acudiu á inauguración da exposición "Aristides de Sousa Mendes: 'Realmente, eu desobedeci, mais a minha desobediência não me desonra'" que até o 30 de xuño presenta retrincos da vida deste diplomático que foi cónsul en Vigo en 1927 e que salvou a milleiros de refuxiados xudeus durante o Holocausto a pesar de que o ditador portugués Salazar prohibira aos cónsules dar visados do Ministerio de Asuntos Exteriores. 

A súa heroicidade -que lle supuxo a inhabilitación e verse privado de soldo e pasar penurias coa súa familia de 13 vástagos- quedou no esquecemento ate que a Revolución dos Caraveis permitiu dar luz á escuridade. "O xesto do meu avó pasara ao esquecemento, ninguén sabía nada do que fixera. Coa Revolución, as mentalidades comezaron a evolucionar en Portugal; apareceu un clima no que mirar con liberdade. Un primo foi ao Ministerio de Asuntos Exteriores para buscar o proceso do meu avó. Nin o ministro sabía onde estaba pero acabou atopando un sobre lacrado onde apareceu todo. Foi tan impresionante o que viu que tivo unha crise cardíaca. Uns meses despois, morreu. Pero antes, fixo un informe onde tachaba a Salazar de colaboracionista co réxime nazi", lembrou onte o seu neto.Este contou tamén que unha vez apartado do cargo polo fascismo portugués filonazi de Salazar, dous dos seus fillos foron loitar cos Aliados contra o nazismo e desembarcaron en 1944 nas praias de Normandía. Contou tamén con grande orgullo como o seu avo tivo tamén refuxiado na súa casa a un ministro belga que foi despois un dos destacados na constitución da CECA, a actual Unión Europea. 

O Cónsul Arístides de Sousa Mendes ten tamén a máis alta distinción que pode recibir un salvador de seres humanos durante o Holocausto, está recoñecido polo YAD VASHEM, o Centro da Memoria do Holocausto de Jerusalem como “Xusto entre as Nacións”.