14/06/14

O secuestro de tres rapaces israelies


Eyal Yifrah, de 19 anos, Gilad Shaer, de 16 anos e Naftali Frenkel de 16 anos

Por Pedro Gómez-Valadés

O secuestro onte de tres rapaces israelíes: Gilad Shaer, de 16 anos, domiciliado en Talmon, Naftali Frenkel, de 16 anos, de Nof Ayalón e de Eyal Yifrah, de 19 anos, domiciliado en Elad, perto de Petaj Tikva é ademais dun crime e dun acto de terrorismo, unha triste proba de que "algo" non vai ben no recente acordo asinado por Al Fatah e Hamas.

Que só uns poucos días despois de asinado o pacto, Hamas cometa a gravísima irresponsabilidade criminal de secuestrar a tres civis, a tres adolescentes, pon en evidencia ademais da viabilidade e oportunidade do pacto en si, deixando tamén en evidencia a responsabilidade última do propio Presidente da Autoridade Nacional Palestina, Abbu Mazen como máxima autoridade da ANP, perante o sucedido e do que poida acontecer. Os tres rapaces secuestrados por Hamas deben volver axiña sans e salvos ás súas casas. E deben volver antes de que este gravísimo acto derive en consecuencias dramáticas de sangue e vidas inocentes derramadas, sexan israelies ou palestinas.
.
A comunidade internacional e a opinión pública debe entender que se ben na lóxica tradicional de conflitos, o pacto entre dúas das tres partes enfrontadas debera en principio simplificar e facer máis viable a negociación e o acordo, neste caso atopámonos con que unha das partes, Hamas, non recoñece nin sequera o dereito a existir da terceira, Israel, e fai explícita reiteración nos seus estatutos, textos, declaracións, comunicados e actos, do obxectivo último de "eliminar a Israel do mapa".

Mentres Hamas non renuncie por completo e de xeito verificable ao terrorismo como arma política e relixiosa, e mentres Hamas non recoñeza o dereito a existir do Estado de Israel, será lamentablemente imposible avanzar no camiño do acordo e do total recoñecemento mutuo no horizonte de dous Estados nacionais para dous pobos.

Israel e Palestina non poden soportar o prezo e o brutal lastre que implica ter a un dos actores permanentemente boicoteando toda posibilidade de achegamento e de paz.