10/06/14

Comunicado: Ángels Barceló, Gaza e a obxectividade




Desde a Asociación Galega de Amizade con Israel-AGAI e en relación a emisión o pasado día 4 de xuño pola Cadena SER dun programa especial de Hora 25, emitido dende Gaza queremos facer as seguintes consideracións: 

Saudamos o interese da Cadena SER e de calquera outro medio de comunicación por dar voz aos que no mundo pasan por situacións difíciles ou desesperadas. Xa que logo, confiamos que en breve poidamos ter programas semellantes feitos desde Centroáfrica, Nixeria, Tibet, Sahara, Siria, Iraq etc...

Estamos seguros de que unha xornalista da experiencia e da profesionalidade de Ángels Belceló é plenamente consciente do desequilibrado, parcial e tendencioso resultado final do seu programa emitido dende Gaza. A ausencia total de ningunha crítica, nin tan sequera mención, da gravísima situación pola que atravesan os palestinos cristiáns que deben soportar o goberno ditatorial do grupo islamita Hamas, nin da gravísima situación dos dereitos das mulleres palestinas sob a brutal opresión dunha organización que non disimula o seu machismo militante ate a médula, ningunha mención da crítica situación en fin do respecto aos máis elementais Dereitos Humanos na franxa de Gaza gobernada após un golpe de forza por un grupo recoñecido pola propia Unión Europea como grupo terrorista, dos dereitos dos cidadáns gays, dos milleiros de disidentes políticos presos, brutalmente executados, linchados ou simplemente desaparecidos, etc... 

Desde a Asociación Galega de Amizade con Israel-AGAI solicitamos e demandamos da xornalista Ángels Belceló e xa que logo, da Cadena SER, a emisión nas mesmas condicións de publicidade e horario, dunha reportaxe emitida dende Israel. Desde a súa fronteira con Gaza, obxectivo constante dos ataques indiscriminados de mísiles, foguetes e armas de fogo contra cidadáns civís israelís. 

Só así, dando voz as dúas partes dun conflito que non é un western de bos e malos nin un debuxo en branco e negro, poderemos reconciliar a xornalista Ángels Barceló e a Cadena SER co exercicio serio, rigoroso e de servizo público da súa labor coma periodista e como medio de comunicación. 

Vigo, 10 de xuño de 2014