25/06/14

O Consello da Galiza, Manuel Colmeiro e a Sociedade Hebraica de Buenos Aires (I)




Carta de Manuel Colmeiro na que fai doazón ao Estado de Israel dun dadro seu (1948)
 






Publicado por Factoría Ronsel

21 de xuño de 2014
http://factoriaronsel.blogspot.com.es/

A Sociedade Hebraica Arxentina de Bos Aires fundouse no ano 1926 tendo como socio número un nada menos que a Albert Einstein. Foi un dos focos culturais bonaerense máis importante do século XX -continúa a ser- e polo tanto tamén referencia fundamental para os galeguistas en determinadas etapas, sobre todo despois da guerra civil coa chegada dos exiliados. Esa relación, que foi intensa e regular, nunca foi ata o de agora estudada con profundidade. Sería moi necesario afrontar esa tarefa nun estudo máis amplo para clarificar até que punto o galeguismo apostou por unha relación que lle abría non só as portas do desenvolvemento da súa actividade cultural, senón tamén as portas dunha escasa e irregular política de alianzas internacionais.

Sabiamos, por suposto, do continuado labor de Luís Seoane na Sociedade, con cadros, vidreiras e a organización de actos e exposicións. Sabiamos, aínda que son menos coñecidas, das conferencias de Paco Luís Bernárdez, na Sociedade Hebraica (con copia enviada a Rodolfo Prada, por certo). E sabiamos tamén da relación do pintor Manuel Colmeiro.
É dicir, sabiamos da relación estreita entre a comunidade hebrea arxentina e o galeguismo do café Tortoni representado por un sector novo e de esquerdas que tiña en Seoane, Colmeiro e Rafael Dieste os seus representantes máis coñecidos.
As circunstancias eran sen dúbida propicias. O galeguismo sempre tivo unha posición contundente sobre a guerra mundial, por exemplo. É pertinente a explicación aínda que semella unha obviedade. Non o é tanto. Os galeguistas romperon, por exemplo, co semanario España Democrática, onde colaboraban con outras forzas democráticas, por mor dunha coñecida editorial sobre os bombardeos nazis sobre Londres. Eran os tempos do pacto xermano soviético e non resultaba doado, aínda que soe moi contundente, a defensa dos ideais democráticos diante dalgúns sectores de esquerda.
Pero o que descoñeciamos era o alcance das relacións políticas coa Sociedade Hebraica. Habías sen dúbida. O Consello da Galiza, por exemplo, realizou varios actos públicos naquelas instalacións. Había que saber daquela que profundidade tiñan eses contactos, tendo en conta que durante aqueles anos de intensa actividade política e cultural, é cando se crea o estado de Israel.
Solicitei a Pedro Gómez Valadés a á súa asociación de Amizade con Israel, os contactos precisos para comezar a investigar esa parte tan descoñecida da nosa historia. A axuda chegou con Débora Szuchmacher, directora de cultura e da biblioteca hebraica. A miña benzón a ambos. A documentación que Débora atopou nos fondos da Sociedade, de momento, non nos aporta aínda toda a precisión desexada nas relacións que a min máis me interesaban, as do Consello da Galiza e a comunidade hebrea, pero si no referente ao pintor Manuel Colmeiro.

As datas son fundamentais, porque estamos a falar de finais da década dos corenta, en plena proclamación do Estado de Israel. Manuel Colmeiro celebra unha exposición na Sociedade Hebraica. Sendo este dato importante, sendo un dato fundamental para a reconstrución da obra e vida dun pintor galeguista como Colmeiro, non é o relevante. O relevante é, sen dúbida, a carta que Colmeiro publica na revista da Sociedade Hebraica e que reproducimos de forma inédita neste espazo:


Ou sexa que a Sociedade Hebraica colaborou, de forma activa, na causa republicana, e polas palabras de Colmeiro, non nos estrañaría que tamén o fixera na causa galeguista. Ou sexa, que militantes galeguistas apoiaron, na medida en que as circunstancias modestas do galeguismo exiliado o permitían, a creación do Estado de Israel. É lóxico, tendo en conta, por exemplo, que o nacionalismo vasco tamén fixo unha aposta activa moi clara nese sentido. Nos últimos tempos téñense publicado novas e reportaxes indicando precisamente esa colaboración. A visión que hoxe podemos ter de Israel, envolta nun conflito encarnizado e crónico, non pode obviar que naqueles anos fose un punto de referencia para aqueles nacionalismos, que, entre outras moitas cousas, tiñan en común a loita contra as diversas formas do fascismo europeo. O balbordo do dogmatismo non pode conseguir que a nosa interpretación da historia, e neste caso da historia do galeguismo, sexa unha interpretación feita á carta dos acontecementos actuais. Manuel Colmeiro abriu sen dúbida un camiño interesante, un camiño descoñecido que continuaremos investigando en artigos posteriores, para entendérmonos moito mellor as construcións ideolóxicas e políticas daquel galeguismo exiliado e dos seus modestos intentos por estabelecer as súas propias relacións internacionais.