01/05/13

Conferencia en Vigo: "Xudeus, conversos e Inquisición en Tui". Por Suso Vila


Presentación do libro:
Judíos, Conversos e Inquisición en Tui” (2013)
de Suso Vila

Terá lugar o vindeiro martes 14 de maio ás 20:00 horas no Hotel México en Vigo (Vía Norte 10)

Presenta: Gloria de Antonio Rubio. Doutorada en Historia Medieval (UNED, 2002) coa tese "Comunidades judias en Galicia (siglos XI-XV)", dirixida polo Doutor Enrique Cantera Montenegro. Posteriormente, no ano 2006, foi publicada pola Fundación Pedro Barrié de la Maza, dentro da colección Galicia Histórica, co título "Los judíos en Galicia (1044-1492)". Esta obra foi galardonada en Israel co Premio Samuel Toledano (Jerusalén, 2008) É autora de numerosos capítulos de libros e artígos publicados en diversas revistas de ámbito nacional e internacional, así como de varias monografías de carácter xeral. Cabe mencionar, entre elas, "Os xudeos de Galicia" (Santiago, 2002). Forma parte desde o ano 2000 dos equipos de investigación do Instituto de Estudos Galegos "Padre Sarmiento" (CSIC-Xunta de Galicia), participando específicamente nos traballos vinculados ao Dicionario Biográfico da Galicia dos Trastámara (1469-1480), proxecto financiado pola Fundación Pedro Barrié de la Maza.
.
Intervén: Suso Vila. Licenciado en Xeografla e Historia pola UNED posgrado en Historia, Teoría e Método das Humanidades e as Ciencias Sociais (USC). Master en Lecturas sobre a Cidade Histórica Arte. Patrimonio Cultural e a súa Xestión (USC) Ten publicado diferentes libros de arte, historia e antropoloxía sobre a cidade de Tui e a súa bisbarra entre outros “O Tui esquecido” (1999) “Pazos e Casas de Tui e Valença” (2000) “Tui e Valença nos séculos XI a XV” (2001) “Antiguas fiestas” (2003) “Xudeus e Conversos en Tui” (2004) “Corpo Santo/San Telmo” (2009) Obtivo o segundo premio da Historia Medieval de Galicia e Portugal 2006 polo seu traballo “A Cidade de Tui durante a baixa Idade Media” e o Primeiro Premio de Historia Medieval de Galicia e Portugal no 2009 polo seu traballo “A Casa de Soutomaior 1147-1532”. Nestes momentos está a realizar a tese doutoral sobre “Dinámicas urbanas en la frontera del Miño durante el siglo XIX. Sociedad y arquitectura en Tui y Valença”. Participou tamén no video documental editado por AGAI "Percorrido polo Tui xudeu" (2012)
..
O Tui xudeu
.
O rico legado xudeo conservado na cidade de Tui impulsa este traballo para tratar de comprender non só a presenza xudea na cidade medieval senón e tamén todo o proceso posterior á expulsión en 1492 que levou a conversión forzosa da minoría xudea penínsular e a consecuente conflictividade social que posibilitou unha actuación profunda e despiadada por parte do Santo Oficio.

A comunidade xudea de Tui caracterizouse por contar con todos os elementos propios para unha boa dinámica da comunidade: Cemeterio, Sinagoga, Carniceiría. Xunto a isto os membros da comunidade tudense ocuparon diferentes partes da cidade miñota nun reflexo da súa integración na cidade episcopal.

A expulsión dos xudeos ou a súa obrigada conversión refletiríase na documentación capitular tudense. Os conversos que quedaron xunto cos que viñeron a través de Portugal favoreceron agrupamentos e relacións entre as familias conversas. As delacións ao Santo Oficio provocadas por envexas e desconfianzas cara a un colectivo con gran capacidade económica e política, traerá consigo numerosos procesos inquisitoriais ao longo dos séculos XVI e XVII, cuxa testemuña máis notable serán os Sambenitos da Catedral de Tui, únicos conservados en España.

O patrimonio histórico tudense tamén se nutre de elementos singulares ademais dos tradicionais. Entre eles están o relacionado coa comunidade xudea e conversa que aportaron un conxunto de obras e elementos arquitectónicos (casas pertencentes á comunidade medieval ou a Torre do Xudeo da muralla da cidade), a menorá do claustro catedralicio, a pratería da catedral obra de prateiros xudeos e conversos, ou os sambenitos como testemuña dunha época de intolerancia e de obsesión pola unidade relixiosa
..