01/05/13

Noa & Solis String Quartet en Compostela



Cancións iemenís con sabor napolitano nunha deliciosa homenaxe á cultura mediterránea. A voz inigualable da cantante israelí Noa envolverá o Museo Centro Gaiás en compañía do cuarteto de cordas napolitano Solis String Quartet que estrearán o ciclo Pel de galiña cun repertorio no que novas composicións se combinarán cos grandes temas da artista israelí.

Posuidora dunha voz excepcional e única, Noa (Tel-Aviv, 1969) soubo combinar as súas raíces iemeníes con influencias dos cantautores dos 60 como Paul Simon, Joni Mitchell ou Leonard Cohen. Un son que se convertiría en único coa incorporación de Gil Dor, compañeiro e colaborador ao longo da súa carreira, que aportaría os seus antecedentes musicais no campo do jazz, a música clásica e o rock.

Cunha carreira brillante e internacionalmente recoñecida, Noa comezou en 2003 a colaborar con Solis String Quartet, dando lugar a un espectáculo no que a inédita fusión de instrumentos e estilos amosa o mellor de Noa, sacando á luz a súa gran variedade de rexistros.

O canto de Noa enriquécese cunha nova paleta de cores e sentimentos e as súas cancións, arranxadas para corda por Gil Dor e o Solis String Quartet, soan vibrantes e emocionantes: sons napolitanos cun toque israelí que constitúe unha viaxe marabillosa polo Mediterráneo.

Martes 21 maio ás 21:00
Museo Centro Gaiás
Ficha artística
Noa
voz, percursión
Gil Dor
guitarras
Solis String Quartet
Luigi De Maio
violín
Gerardo Morrone
viola
Vincenzo Di Donna
violín
Antonio Di Francia
chelo
Venda de entradas [Servinova]