12/10/11

O fin dun pesadelo



Por Isaac Querub*



Todo parece indicar que nos vindeiros días Gilad Shalit volverá a casa. Máis de 5 anos de brutal cativerio, de secuestro ilegal. Máis de 5 anos sen saber onde nin como está. Sen que ningunha organización humanitaria internacional puidese ter acceso a el. Máis de 5 anos, con todos os seus días, de intensa dor e sufrimento dunha familia. O acordo para a súa liberación non é nin xusto nin proporcionado. Israel vai liberar a mil presos xulgados e condenados pola Xustiza, en moitos casos terroristas coas mans manchadas de sangue.

E Hamas vai liberar a un só soldado cuxo delito foi cumprir co seu deber e atoparse no momento e no lugar equivocados hai máis de 5 anos. Por certo que Hamas, mentres cunha man negocia, coa outra ordena seguir bombardeando a Israel. Onte mesmo, outro mísil foi disparado desde Gaza contra poboación civil israelí. Con todo a dor que causa pór na rúa a persoas que asasinaron e que seguramente volverán tentalo, supón un alivio pór fin á tortura que sufriu a familia Shalit en todos estes anos.

Como xudeus españois véñennos á lembranza as horas de angustia que vivimos co secuestro de Miguel Angel Blanco e o longuísimo ano e medio que durou o cativerio de José Antonio Ortega Lara a mans de ETA.

Hoxe, respiramos aliviados por Gilad Shalit e a súa familia, pero non esquecemos a outros seres humanos dos que nada se sabe, como o piloto israelí Ron Arad, secuestrado por un grupo xiíta libanés hai 25 anos e que, ao parecer, podería atoparse en Irán.

*Presidente da Federación de Comunidades Judías de España