04/07/11

A casa das dúas portas



Por Afonso Vázquez-Monxardín


La Region - 5.07.11




De entre os refráns tansparentes, ou sexa os que teñen significado que todos entendemos á primeira, está aquel de “Casa con dúas portas é mala de gardar”, así pois, creo que á chamada “flotilla da liberdade” o que menos lle importa é a chegada da “axuda humanitaria” a Gaza. A cousa, é simple: Gaza é ten dúas portas, por iso a responsabilidade do acceso foi sempre ao cincuenta por cento dos que tiñan as chaves das portas, Israel e Exipto. Cada un deles tiña, ou ten, as súas razóns para controlar con lupa o paso. Israel porque a partir de 2005 que saiu do terriotorio seguiron caendo bombas desde alí lanzadas ás aldeas israelís veciñas da outra parte da raia, -e que se incrementaron nos meses de marzo e abril desde ano ata sumar 270 ataques- e era lugar de orixe dos moitos homes bomba que asolaron aquelas terras. Pola súa banda Exipto pechaba porque tiña un medo aos gobernantes de Hamás que comparten ideoloxía cos que mataran a Sadat en 1981 por ter asinado a paz con Israel. Por iso, Exipto e Israel, Israel e Exipto tiñan aquelo máis ou menos atrancado. Máis ou menos porque a axuda e comercio segue fluíndo a través dos pasos terrestres -39 mil camións en 2010 desde Israel- pero cun lóxico control sobre a importación de armas –de Siria e Irán- o que dá lugar ao bloqueo das augas e portos de Gaza.




Se a intención fose facer chegar calquera tipo de axuda humanitaria. esta sería facilmente introducible desde Exipto –a fronteira de Rafah xa está completamente aberta ou incluso desde o porto israelí de Asdod. Pero, claro, non hai tal finalidade humanitaria senón só política, deslexitimar o bloqueo antiarmamentístico a Gaza.




Así pois, a cousa hai que vela baixo o prisma da acción política e non da humanitaria. E creo que a simpatía occidental e civilizada por calquera dos bandos en disputa, debe manifestarse da mesma maneira que a dos bos amigos nas pelexas: agarrándoos, separándoos e non animándoos a que se maten. E, desde logo, xamais encirralos inxenuamente. Hamás e Al Fatah asinaron a paz no Cairo hai uns meses. Os amigos dos palestinos deben darlle unha oportunidade a este acordo e forzalos a que recoñezan Israel -dous estados é a única solución- e a que liberen ao soldado Gilad Shalit. Así, -para obter resultados distintos hai que facer cousas distintas- así poderán recuperar o creto dos países serios e achanzar o camiño á paz en oriente medio coa única ferramenta posible, a progresiva distensión. Xa se fixo con Exipto e con Xordania. É difícil e cómpre non enganarse de camiño.




Pregúntome por que non porán proa á cidade siria de Tartús ou a Bengasi, capital da Libia libre, para contribuír ás loitas contra as ditaduras árabes en guerras sanguinarias contra os seus pobos. Xogos de distracion, claro.




En fin, é todo moi complicado e non parece útil, estando unha porta aberta e a outra entornada, tratar de entrar á casa por unha fiestra con alarma. A non ser que o único obxectivo sexa que salte a alarma, meter ruído e desacougar.