Por Carlos Galansky Koper *
.
O pasado día 4 de setembro, no marco dos programas de actos desenvolvidos por mor da Xornada europea da Cultura Xudía, realizouse unha visita guíada á colección de Sambenitos do Museo Diocesano de Tui. A existencia destes Sambenitos débese ao ollo avisor de D. Rafael Sánchez Bargiela a quen lle foi encomendada a tarefa de "baleirar unha vella dependencia do que é hoxe o Arquivo Catedralicio concretamente a chamada Contaduría. No medio de vellos libros litúrxicos, de sacras, de estolas descoloridas e artículos de ornamentación relixiosa apareceu un rolo de tea, con inequívocos sinais de levar moitos anos esperando que alguén reparase no seu ostracismo". Concretamente estes Sambenitos son de entre 1.617 a 1.622, é dicir, estiveron máis ou menos 380 anos esperando a saír á luz. Hoxe están expostos en cinco paneis cun total de 14 Sambenitos. As familias afectadas son os Méndez e Coronel. Ademais do impacto visual que impón velos en directo, existe un libro editado polo propio Museo Diocesano de Tui, "Los Sambenitos", escrito polo profesor D. Jesús Casás Otero de moi recomendábel lectura, previa compra no propio museo. O seu autor foi o guía que expuxo, de xeito moi interesante e ameno, a historia destes auténticos documentos históricos de incalculábel valor. Trátase dunha visita indispensábel para todos aqueles que queiran coñecer un poco máis da fonda pegada xudía en Galicia.
* Carlos Galansky Koper é socio de AGAI
.
Máis información: