04/11/09

Yitzhak Rabin, soldado da paz.


Yitzhak Rabín, naceu en Jerusalem en 1922, fillo dunha familia de fervorosos sionistas laboristas, finalizou os seus estudos na escola secundaria con distinción na Escola Agrícola Kaduri e entón uniuse ao Palmaj, a forza de choque de elite da organización de defensa clandestina Haganá. Instituiu a doutrina de adestramento das FDI e o estilo de liderado que pasou a ser coñecido como a orde de "síganme!". En 1962 foi designado xefe do Estado Maior e promovido ao rango de tenente xeneral. Desenvolveu a doutrina de combate das FDI, baseada no movemento e a sorpresa, que se empregou durante a Guerra do Seis Días en 1967. En xaneiro de 1968, despois de 26 anos en uniforme, Rabín deuse de baixa das FDI. Foi nomeado embaixador nos Estados Unidos en 1968 e xogou un importante papel na promoción da "cooperación estratéxica" cos Estados Unidos, que levou á masiva axuda militar estadounidense a Israel. Rabín regresou a Israel en 1973, antes da Guerra de Yom Kipur. Pasou a ser membro activo do partido Laborista; foi elixido membro da Knésset nas eleccións xerais de decembro de 1973 e foi investido ministro do Traballo no goberno formado por Golda Meir en marzo de 1974. En febreiro de 1992 o partido Laborista levou a cabo as súas primeiras eleccións primarias: Rabín foi eleito presidente do partido e, despois da vitoria electoral de 1992, comezou o seu segundo período como Primeiro Ministro e ministro de Defensa. Planificou e guiou as negociacións sobre a Declaración de Principios asinada coa OLP na Casa Branca en setembro de 1993. Isto adxudicou a Rabín, Peres e Arafat o Premio Nobel da Paz 1994 e iniciou as negociacións cos palestinos sobre a autonomía en Gaza e algunhas áreas de Judea e Samaria, e sobre o establecemento dunha Autoridade Palestina. Logo, en outubro de 1994, asinouse un Tratado de Paz co Reino de Xordania. O 4 de novembro de 1995, cando se retiraba após unha multitudinaria manifestación pola paz, Yitzhak Rabín foi asasinado por un xudeu extremista. Tiña 73 anos o día da súa morte, foi sepultado nun funeral oficial no Monte Herzl de Jerusalem, ao que asistiron líderes de todo o mundo.