03/11/09

Fin de semana xudeu en Barcelona






Por Pablo Veiga López-Castelo*


Primeira vista que fago á cidade condal. E mira que tiña ganas. Un culé coma min … Escollín a ponte do Pilar ou da Hispanidade; cada quen que lle chame como queira. Acompañoume un tempo excepcional. Deixei no meu amado Lugo as últimas tracas do San Froilán, festa galega por antonomasia, cos seus concertos e troulas en plena efervescencia. Este ano, agás os primeiros dous días, tivemos un tempo fantástico, case primaveral. Tres xornadas nas que puiden aproveitar os vinte e tantos graos de temperatura para percorrer a capital catalá en bicicleta. Que envexa me deu; ducias de quilómetros de carrís bicis e un tráfico moi ben levado. Así é que os vehículos de dúas rodas tiñan todo tipo de vantaxes para seren un medio de transporte moi utilizado. Unha metrópoli que recuperou o seu idilio co mar mediterráneo; praias que invitaban ó baño nunhas augas que a un servidor, afeito a bañarse nos impresionantes e inigualables areais da Mariña lucense (pero frías, frías ondas), parecíanlle estrañamente cálidas. Pero esa fin de semana en Barcelona resultou moi especial por outra razón.

A casualidade levoume ó encontro de Mario, xudeu de orixe arxentina, un dos socios fundadores de AGAI, que divide a súa residencia entre Barcelona e Vigo. A sorte quixo que, ese venres día dez de outubro, se celebrase a Simjat Torá. Unha sinagoga foi o escenario onde se leu a Torá e no cal tiven a ocasión de compartir cos membros desta comunidade denominada progresista unha velada de alegría, camaradería, ademais dunha deliciosa cea –todo hai que dicilo-. Comunidade que acepta as persoas, independentemente do seu nivel de crenzas relixiosas ou da súa condición sexual. Mario esforzábase en explicarme con detalle os distintos momentos da cerimonia –nunca antes estivera nunha-. Que me chamou a atención?. En primeiro lugar, o ánimo de compartir. Eu observei un colectivo onde primaba a alegría, a camaradería entre os seus membros. Alí non atopei proclamas contra ninguén, nin arroutadas pedindo a aniquilación de ningún pobo, nación, estado ou raza. Contrasta coa imaxe que contemplei o luns doce, paseando pola zona de Montjuich (por certo, debe o seu nome á existencia no pasado dun cemiterio xudeu), onde unhas ducias de persoas, algunhas moi novas, co saúdo fascista, erguendo bandeiras doutras épocas e entonando cánticos que un pensaba xa desterrados.

Unha mágoa. En fin, que me sentín moi acollido; a hospitalidade e o trato amosados cara a min por parte de Mario, a súa esposa Silvia, e o resto de persoas coas que compartín esa tarde noite foron exquisitos, nun contexto no que nunca me vira con anterioridade. Si me causou sorpresa e certa tristeza que, precisamente nunha cidade como Barcelona, un país como Catalunya, caracterizados pola pluralidade, modernidade, a mistura de razas, culturas, o respecto e tolerancia, teña que existir vixilancia no exterior do local onde se está a desenvolver unha celebración relixiosa. Vergoñento que isto aconteza nestes tempos. Alguén imaxina unha misa con dous gardas de seguridade na porta da igrexa?. Os salóns dos “Testigos de Jehová”, as mesquitas onde se reúnen os musulmáns para rezar (oxalá só sexa para iso), teñen que recorrer a protección?. Pois unha Sinagoga onde menos de vinte persoas están xuntas para honrar unha festividade xudía, si o teñen que facer. Onde queda a liberdade de culto, o dereito de reunión e de asociación,? E para cando rematará ese complexo anti xudeu e anti israelí por estes lares peninsulares…
Cómpre unha reflexión
* Pablo Veiga é socio AGAI en Lugo