27/10/09

Un galego en Xerusalén

Ángel Tabarés, sacerdote vigués que vive desde hai seis anos en Israel
.
Por Fernando Franco
Faro de Vigo - 27.10.09
.
Angel Tabarés viviu durante os seus primeiros anos en Israel na cidade mediterranea de Haifa, ao norte de Israel. E desde hai dous anos reside na capital, en Xerusalén, onde realiza estudos bíblicos e onde forma parte tamén dun grupo de capeláns cristians cos que o Estado de Israel garantiza a atención aos presos cristians nas diferentes prisións israelís.
.
Agora o padre Ángel Tabarés vive moi preto da emblemática Porta de Damasco, na cidade vella de Xerusalén, pero de neno xogou por aquel Campo do Rei, entón verde e que hoxe é a viguesa Praza Elíptica. Seguro que, cando como capelán visita os cárceres israelís, pensa nesa liberdade das súas correrías da infancia. É galego, vigués, un cura adscrito á diocese de Santiago de Compostela que leva seis anos vivindo en Israel, tres deles investigando na L'École Biblique de France, o centro máis importante de estudos sobre a Biblia e arqueoloxía de Oriente Medio. "Cando comecei as miñas visitas ás prisións de Israel -conta- iamos en autobuses públicos. Debiamos tomar catro para a ida e catro para a volta. Unha das relixiosas que realizaba estas visitas e en cuxo grupo empecei tiña máis de oitenta anos e con máis corazón que forzas chegaba ao lugar onde se atopan varios penais xuntos, un deles, o máis visitado por nós, de máxima seguridade. Nun país tan obrigadamente militarizado como Israel, un cárcere de máxima seguridade sempre supón un desgaste de paciencia para pasar os necesarios controis nos cales pasamos longas horas".
.
Conta este sacerdote que son os rabinos -e cos que gardan moi boa e estreita relación- quen regulan o acceso das diversas comunidades relixiosas aos penais. O seu é un grupo de relixiosas e sacerdotes pertencentes ao Patriarcado Latino de Xerusalén. Pero o padre Tabarés non só visita como capelán a presos cristiáns, algúns a perpetuidade por asasinato; tamén atende comunidades en Ain Karen, Haifa ou Belén nas que relixiosas católicas atenden a nenos discapacitados ou abandonados. Di el que para un crente é impagable vivir en Terra Santa, coñecer eses escenarios bíblicos onde para cristiáns e para xudeus todas as cousas falan da historia do encontro entre o Deus e o seu pobo: o mar de Galilea, o sol que reverbera sobre as súas augas, o aroma deses campos, o monte Tabor, as rocas que se rasgaron cando expirou na cruz... Antes de partir cara a esas terras en 2003 traballou como cura no rural galego, deu clases nun instituto coruñés, estudou teoloxía en Pamplona e Santiago, iniciou en Bruxelas o estudo da Biblia... e precisamente para profundar neste estudo foise a Israel, bolseiro pola Universidade de Salamanca.
.
Pronto sairá un libro seu que investiga na terminoloxía bíblica sobre a fe, dacabalo da filoloxía e da exéxese. O padre Tabarés cre que só acudindo ao perdón pode haber esperanzas para unha terra tan castigada na que se afonda máis no que separa que no que une. Na que o dereito a portar armas facilitou que estean en prisión para sempre xente que apertou o gatillo moi novo. "A barbarie do Holocausto marcou a este Pobo -di-, que loxicamente debe estar sempre á defensiva pero no que hai cada vez máis xente nova que pensa doutra maneira. O que non admito de ningún modo é esa pretensión de algúns de querer sintetizar a imaxe do pobo israelí no radical ultraortodoxo que cospe ao paso dun cura cristián".