O ferrolán Marcelino Pardal, anarquista e xogador do Racing en 1936, viviu sempre no sur de Francia tras a liberación do campo. Nunca quixo volver pisar España
Por Francisco Varela - La Voz de Galicia - 06.06.09
Marcelino Pardal Pouso, o último deportado galego no campo de exterminio nazi de Mauthausen, faleceu o pasado 19 de maio aos 92 anos. Vivía na cidade francesa de Bèziers, unha localidade parecida en tamaño ao seu Ferrol natal, situada no Languedoc-Rosellón. Nunca quixo volver pisar terra española, aínda que mantiña contactos cos seus curmáns ferroláns. Paula García Pouso, que agora ten 79 anos, foi a curmá que recibiu a noticia por boca dunha das fillas xemelgas francesas que deixa Xelo, como era coñecido en 1936, cando xogaba de central no Racing de Ferrol. Paula falaba con el por teléfono e escribíanse periodicamente. «Nunca quixo volver; eu dicíalle ''Xeliño, ven a vernos'', pero el non podía, algo non lle deixaba regresar», di. Tampouco en Amical Mauthausen, a asociación de españois deportados, con sede en Barcelona, teñen moitos datos, salvo a súa identificación, o 5101, o número que os nazis tatuaban aos prisioneiros nun brazo.
.
Co Racing enfrontouse ao Deportivo en maio de 1936 e a crónica deste xornal dicía que «o conxunto ferrolán nada ten que envexar ao seu rival coruñés». Xelo, que nacera no barrio de Ferrol Vello en 1917, xogou ao futbol ate logo da liberación de Mauthausen. De feito, unha das poucas fotos que se conservan del, a que aparece nesta reportaxe, foi tomada no propio campo, tras a derrota nazi. Con el está outro ferrolán, Antón Cendán, xa falecido hai moitos anos. Era o equipo "A República", que formaron os españois deportados.
.
Tras a toma de Ferrol polos fascistas en xullo de 1936, Xelo foi mobilizado polo bando franquista, pero o asasinato do seu irmán Paco, mariñeiro republicano do acoirazado España, cambiou a súa vida. «Eu non podo loitar no bando que matou ao meu irmán», díxolle a un amigo. E así fixo: saltou da trincheira na fronte e pasouse ao Exército da República, loitou na batalla do Ebro e cruzou os Pirineos tras a derrota. En Francia foi internado no campo de Agde e logo integrado nas brigadas de traballo creadas para construír a liña Maginot. Cando Francia caeu en poder de Alemaña, máis de 800 españois foron capturados, entre eles Xelo, e trasladados a Mauthausen, porque Franco díxolle a Hitler que non tiñan a nacionalidade española. Foron considerados apátridas e máis da metade morreron por esgotamento ou asasinados polos carceleros.
.
A chegada ao campo
.
Amical Mauthausen teno rexistrado no continxente que saíu nun tren de gando da estación de Estrasburgo e chegou ao campo o 11 de decembro de 1940, onde permanecería ate o 7 de maio de 1945. é dicir, entre a Guerra Civil e a Segunda Guerra Mundial, dez anos durísimos para Xelo, que o marcaron para sempre.
.
Vivía tranquilo en Bèziers, apenas participaba nos actos que se celebraban en Mauthausen, e tampouco concedeu entrevistas. O Racing sondara, sen éxito, a posibilidade de facerlle unha homenaxe. A súa curmá Paula recorda a súa casa en Ferrol Vello «con moitos libros». Porque na década anterior á Guerra Civil, o barrio portuario de Ferrol contou co Centro Obreiro de Cultura, un ateneo popular moi activo, que funcionaba tanto como escola como centro de debate. O historiador ferrolán Eliseo Fernández, investigador do anarcosindicalismo ferrolán, sostén que Xelo, que pertencía ás Mocidades Libertarias, pasouse ao bando republicano en Aragón. Paula falou con el hai pouco, xa enfermo: «Choroume por teléfono, notaba que ía morrer».