COMUNICADO DA EMBAIXADA DE ISRAEL EN ESPAÑA
A ONU rectifica: Israel non atacou a escola da UNRWA en Gaza
As Nacións Unidas veñen de rectificar a súa acusación de que Israel lanzase un proxectil contra a escola da UNRWA en Gaza o pasado 6 xaneiro causando a morte de 43 persoas no seu interior. Segundo informa hoxe o xornal Haaretz, Maxwell Gaylord, Coordinador Humanitario da ONU en Xerusalén, dixo que as Nacións Unidas "quere aclarar que todos os impactos de proxectís e todos os mortos producíronse no exterior, e non dentro do recinto do colexio". Xa no seu momento, portavoces das Forzas de Defensa de Israel-IDF puxeran en dúbida o bombardeo da escola da UNRWA e sinalaron que dúas bombas de morteiro non podían causar 43 mortes e ducias de feridos como afirmaron diversos medios no seu momento. Por outra banda, un informe de Patrick Martin publicado en The Globe and Mail (29 de xaneiro de 2009) de Canadá indica tamén que a acusación lanzada pola ONU o pasado 6 de xaneiro é falsa. O Globe and Mail sinala que un dos profesores da escola que se atopaba no recinto no momento do impacto "foi categórico" ao afirmar que ninguén resultou morto no interior do recinto. O profesor afirmou que a ONU pediulle que non falase cos medios; "morreron tres dos meus alumnos" engadiu, "pero todos estaban fóra". Hazem Balousha, outra das testemuñas, dono dunha tenda fronte á escola e que se atopaba alí naquel momento, declarou ao mesmo diario "Caeron tres proxectís" e "todos fóra, aquí, na rúa". John Ging, Director de operacións da UNRWA en Gaza, recoñeceu nunha entrevista que as tres bombas de morteiro caeron fóra do colexio, e que "non mataron a ninguén no colexio", segundo publica o mesmo diario. Segundo recolle no seu sitio en Internet UN Watch, e en contra do informado na maioría dos medios de comunicación:
1) Ningún proxectil israelí impacto no recinto da escola.
2) Non morreu ningunha das persoas refuxiadas na escola.
Dada a importancia do asunto e o seu gran impacto mediático e social, confiamos en que esta rectificación da ONU teña o mesmo tratamento informativo nos medios de comunicación que as falsas acusacións lanzadas o día 6 de xaneiro recollidas pola práctica totalidade deles.
Ligazóns:
Haaretz:
Globe and Mail: