Por Manuel Molares Do Val
Hai unha crecente división de opinións en España sobre quen é culpable da nova guerra entre Israel e Hamás. Uns medios informativos fan fincapé no poderío militar de Israel fronte a Hamás, ao que presentan como vítima, tratando de ocultar que lanzou unha guerra civil e destruíu o poder lexítimo da ANP en Gaza. Outros recordan que Hamás, unha organización declarada terrorista polos países democráticos, atacou a Israel diariamente durante os últimos anos, polo que a actual conflagración é unha resposta lóxica. Pois agora, e grazas a internet, calquera pode facerse o seu propio xuízo e ditar o seu veredito. Só necesita escribir no buscador do seu computador: Youtube, Hamás, Children. Decenas de curtos están realizados pola propia organización. Mostran a preparación para o suicidio e martirio de nenos e nenas, aos que figurillas estilo Disney ensínanlles odio e como matar e morrer entre berros de rabia contra os infieis. Nenas de seis anos con vestiditos brancos danzando como se imaxinan as huríes, o premio sexual paradisíaco, ante o nenos-soldado con uniformes de combate, rostro enmascarado e armas, facendo exercicios militares, gritando Alá e morte ao xudeu e ao infiel. Hai momentos nos que os nenos reclaman a reconquista de Al-Andalus, "a terra que nos concedeu Alá". Non é o peor. Escriba logo Youtube, Hamás, Executions. E vexa como Hamás executa en masa con metralletas, tombados, con longas agonías, a decenas de palestinos disidentes. Observe Vostede. Será suficiente.