07/01/09

"Que faría Galiza se a diario bombardeasen Vigo dende Portugal?"


"Que faría Galiza se a diario bombardeasen Vigo dende Portugal?"
Falamos con Abel García, da Asociación Galega de Amizade con Israel.
Por Fernando Arrizado

Abel García, é membro fundador da Asociación Galega de Amizade con Israel (AGAI), foi concelleiro e militante do BNG ate a súa demisión por mor da negativa do BNG a condenar o Holocausto nazi e tamén é o representante de Tarbut Sefarad en Ferrol.
Vieiros: Como se chega a esta situación e que valoración fai dos últimos acontecementos?
A.G.: Eu remítome á opinión de Abbas, presidente da ANP, que curiosamente nos medios saen nas últimas liñas das informacións, e que culpa a Hamas da situación. Hamas é unha organización terrorista islámica, que como Hisbulá e Irán, só busca a desaparición do Estado de Israel, e que non entende outra linguaxe. Os xenerais exipcios acaban de declarar que está impedindo que os feridos pasen a fronteira para que se contabilicen máis mortos... Visto de primeira man vese que é unha resposta dura, pero dende que Israel marchou de Gaza, co custo político para o goberno daquelas de Ariel Sharon, a violencia aumentou. Os foguetes Qassam non son de gran potencia, pero seguen matando xente. Ningún país democrático pode permitir esta ameaza constante. Eu pregúntome: que fariamos en Galiza se un grupo en Portugal bombardease diariamente Vigo e outras zonas do sur do país?.
Israel argumenta que Hamas rompeu a tregua, mais tamén houbo ataques mortíferos do Exército israelí con anterioridade. Por outra banda, hai quen considera que o ataque actual ten que ver coas inminentes eleccións ao parlamento israelí...
Os ataques de Israel foron pequenos. O primeiro ministro israelí, Ehud Olmert, fixo unha declaración destinada aos palestinos, onde aseguraba que non hai ningunha intención de matar civís nin de impedir o paso de alimentos e de medicinas. Respecto ás eleccións, é certo que coincide, pero penso que non ten relación. Para Israel, aínda que poida parecer o contrario non é unha situación agradábel. Non celebran na rúa as mortes de palestinos tal e como se fai ao revés. O goberno sabe que o ataque pon a opinión pública mundial na súa contra. Coido que é algo meditado dende hai moito tempo.
Que cre que sucederá nun futuro inmediato e como responderá a comunidade internacional?
A operación vai ser longa e haberá unha incursión por terra. Buscarase un ataque con contundencia co fin de que Hamas mude de opinión. Isto é un conflito bélico, unha guerra. Non se pode dicir como, se di nos medios, que Gaza este arrasada. Hai zonas concretas. O certo é que Israel non ten estes problemas con Xordania, con quen están tratando de chegar a acordos de paz. Tampouco hai ese problema de violencia en Cisxordania, dentro do conflito existente. O que está claro é que Israel despois de 60 anos de guerra, acosado por todos os lados, quere chegar a un acordo de paz, aínda que tamén é verdade que a ANP, enfrontada con Hamas, está a refregar as mans. Eu persoalmente lamento a morte de calquera persoa. É triste que teña que morrer xente, pero haise que ver na situación. Hai conflitos en que as mortes son imposíbeis de evitar.