09/04/07

O BNG e Israel



O BNG e Israel

José Henrique Pérez Rodríguez

No ano 2002 Mona Baker, coñecida profesora de estudos de tradución da Universidade de Manchester, de orixe exipcia, decidía eliminar do corpo de conselleiros académicos da revista The Translator os profesores israelenses Gideon Toury e Miriam Schlesinger. Tal decisión, que se inscrebía nunha suposta campaña de boicote ás institucións académicas de Israel, mereceu a seguinte resposta por parte de Umberto Eco desde as páginas do New York Times:

No transcurso dos séculos, a través de terríbeis episodios de intolerancia e ferocidade dos Estados, sobreviviu unha comunidade de doutos, que procuraron alicerzar os sentimentos de comprensión entre as persoas de todos os países. Se se quebrar esta ligazón universal, haberá unha traxedia. Que Mona Baker non teña comprendido este ponto, cáusame pena (…) Non se pode censurar un país porque se estexa en desacordo co seu goberno, sen ter en conta as divisións e contradicións que existen naquel lugar (…) En ningún lugar do mundo todas as vacas son negras, e consideralas todas da mesma cor chámase racismo.

A atinada resposta do célebre intelectual e escritor, catedrático de semiótica da Universidade de Boloña, resulta moi axeitada tamén para a situación que nestes días axita internamente o BNG: a decisión da asemblea comarcal de Vigo de pedir a expulsión de Pedro Gómez-Valadés, actual responsábel de lingua e cultura na executiva comarcal do partido. O pecado deste home, presidir a Asociación Galega de Amizade con Israel (AGAI).

Os partidarios de expulsar a Valadés aducen que a militancia nun partido político que se define como “antiimperialista” nos seus estatutos sería contraditoria coa pertenza a unha asociación de amizade cun país que, para eles, encarna nitidamente o “imperialismo”, mesmo se a AGAI defende, para o caso do conflito cos palestinos, unha solución negociada entre os dous pobos, baseada no reparto do territorio e na Paz.

O conflito israelense-palestino é sen dúbida mui complexo, con unhas orixes e con unhas circunstancias que non son redutíbeis a unha análise maniquea de bos e maos, imperialistas e colonizados, ilexítimos e lexítimos, ou usurpadores e usurpados... É claro que as cousas non son desa maneira se as analisamos con un mínimo de obxectividade e non só do ponto de vista árabe, ainda que, sen dúbida, resulta claro tamén que o grande perdedor do conflito até agora ten sido o pobo palestino, enfrentado historicamente á traxedia do todo ou nada polos seus propios líderes, empeñados en negaren o direito de Israel a existir. Os avanzos rexistrados ultimamente nesta cuestión con certeza suporán, máis tarde ou máis cedo, o fin do sofrimento do pobo palestino, o recoñecimento dos seus direitos históricos e a delimitación dunhas fronteiras seguras e recoñecidas que permitan a Israel viver en paz no meio dos estados árabes.

A ideoloxía “antiimperialista” que manteñen certos sectores do BNG e outros partidos nacionalistas de esquerda é unha ideoloxía que basicamente consiste en inscreber o proceso de reafirmación nacional galega dentro dos procesos de libertación dos pobos do mundo “asoballados polo imperialismo”. Como tal, é herdeira directa dos procesos de descolonización e da ideoloxía comunista antioccidental da Guerra Fría (cega porén perante os procesos de asimilación ou deportación. de pobos inteiros que acontecían do outro lado do muro). Este modelo de pensamento, que conduz hoxe á identificación da situación da Galiza coa de países (estados) como Cuba ou Venezuela, ou ainda Irán, en vez de facelo (ou facelo só secundariamente) con nacións como Cataluña, Gales, Escocia, Flandres ou Chechenia, acaba constituindo, na prática, unha plataforma que permitiu a sobrevivencia de un modelo de tardocomunismo xa superado noutros lugares. Unha mostra da contradición que supón supeditar así o nacionalismo dábanola Méndez Ferrín cando nas páxinas do Faro de Vigo, por ocasión da Segunda Guerra do Iraq, negaba o carácter nacional aos curdos desse país, aliados dos EUA, encanto o concedía sen problemas aos curdos da Turquía, país da OTAN contra o cal se rebelara o Partido dos Traballadores do Curdistán (PKK). Tratábase do mesmo pobo, mais para Ferrín pesaba máis a orientación política do movimento reivindicativo do que a singularidade étnico-cultural ou histórica do pobo en cuestión.

No conflito Israel-Palestina dáse a mesma contradición. A elaboración, por parte dos árabes, dun cadro argumental que negaba a Israel o direito á existencia, así como a estreita alianza de Israel cos EUA e a contundencia en ocasións da política de ocupación, converteron este país nunca especie de “calcañar de Aquiles do imperialismo”. De aí a importancia, máis do que simbólica, que para estes sectores tardocomunistas ten “a causa palestina” e o seu aliñamento incondicional coas teses árabes, segundo as cais Israel sería unha especie de colonia formada por europeus á procura dun clima mais apracíbel. A “herexía” de Pedro Gómez-Valadés non é outra que a de encabezar na Galiza un movimento tendente a mostrar unha visión máis obxectiva de Israel, aproximarnos á historia —tan terríbel en ocasións— dese pobo e quebrar esa visión maniquea que nolos apresenta como unha especie de sádicos inhumanos. Polo contrario, Israel é para nós un exemplo de esperanza pola súa perdurabilidade nas condicións máis adversas, ou pola completa resucitación que foi capaz de levar a cabo da súa língua propia: o hebreu. No plano simbólico, a aproximación a Israel, o seu simple recoñecimento, supón unha ruptura coas posicións da esquerda tardocomunista, caracterizadas por unha perspectiva bipolar que divide aínda o mundo entre amigos e inimigos dos Estados Unidos, e a consolidación dunha nova esquerda, non necesariamente antiamericana ou antioccidental. Ese é o miolo da cuestión, e nesas coordenadas habería que situar a violenta reacción suscitada contra Pedro Gómez-Valadés dentro do BNG.

Trátase dun debate de ideas, un debate interno, que ao propio BNG e aos diversos partidos que o constitúen corresponde solucionar da maneira máis axeitada. Será ese partido (ou partidos) o(s) que, de xeito democrático, deberá(n) decidir cal vai ser a súa orientación futura, ou como é que desexa(n) precisar o alcance de conceitos como “imperialismo” ou “nacionalismo”. Mais o que o conxunto da sociedade non pode permitir é que ese debate se resolva mediante purgas inxustificadas, ou que por ocasión desa controversia se manifesten sentimentos antisemitas tan deplorábeis como os que afloraron na última asemblea comarcal do BNG. Presidir unha asociación de amizade con Israel, ou con Cuba, non supón necesariamente estar de acordo ou identificarse con todas as decisións políticas que toman no día a día os gobernantes deses países, como ben nos lembraba Umberto Eco. A consideración do BNG como un partido democrático capaz de gobernar este país correrá serio perigo se non é capaz de asumir con rotunda claridade esta realidade.
Artigo publicado no xornal EL CORREO AGLLEGO (09.04.07)