10/04/07

ASUNTOS INTERNOS.

Asuntos internos
Por Afonso Vázquez-Monxardín

Anxo Quintana rexeita que a Embaixada de Israel se preocupe polo expediente incoado a Pedro Gomez Valadés pola súa postura proisraelí aducindo que se está metendo en asuntos internos dunha forza política soberana -BNG- dun estado soberano -España-.

Pois creo que se engana. Os xudeus teñen bos motivos para interesarse, para recadar información sobre a evolución das sensibilidades para a súa comunidade en todo o orbe e en todos os partidos, lugares e credos. Asunto interno dunha forza política nacionalista -nacional socialista- foi promover politicas antisemitas en Alemaña. Asunto interno dun estado soberano foi a eliminación en cámaras de gas de 6 millóns de persoas. Asunto interno son os masacres de Darfur, tolerados polo Goberno de Sudán. Asunto interno son os suicidas do metro de Londres. Asunto interno son os asasinatos selectivos do Goberno de Israel. ¿Ou será que no mundo contemporáneo, de vivir en rede, da globalización da información e comunicación, o tema dos asuntos internos no que atinxe a dereitos humanos e liberdades, cada vez está máis esvaído? Non quero que Guantánamo sexa un asunto interno de USA. Non quero máis matanzas de hutus e tutsis aducindo que son asuntos internos deles. Nin lapidacións de mulleres en Irán. Nin outro Pol Pot que plante arroz con leite e sangue. Nin outra Srebrenica cos soldados holandeses xogando á petanca mentres se producía o exterminio de miles de bosnios. Nin outro apartheid... Os asuntos internos, señores, acabáronse.

Pódese dicir que son un esaxerado, e que unha cousa é unha cousa e outra cousa é outra cousa. Seguro que non falta razón. Evidentemente non é o mesmo expulsar a alguén dunha organización, ou cuestionar o seu dereito á discrepancia, que matalo. Nin dicir que cumpría bombardear Israel que bombardealo. Pero ambas cousas, impedir que alguén reflexione en voz alta sobre o tema desde a simpatía por Israel, e que unha forza política non tome medidas de caución coa persoa que expresa o de-sexo de "tirar unha bomba atómica sobre Israel", son síntomas aos que a Embaixada ou simplemente calquera persoa con sensibilidade democrática, non poden ser alleos.
Cando no ano 2000 o Concello de Allariz colgou unha fermosa exposición fotográfica de propaganda de Israel -lembro fermosas vistas aéreas de Xerusalem- enviada pola Embaixada, e recibiu os seus emisarios para a inauguración, crin que algo se movía no nacionalismo galego neste tema tan delicado. Pero seica non.
Publicado no xornal GALICIA HOXE (10.04.07)