21/04/07

Eu tamén son Pedro Gómez Valadés

Eu tamén son Pedro Gómez Valadés
Por Manoel Bello Salvado*
Que uns compañeiros do B.N.G. de Vigo queiran expulsar a Pedro Gómez Valadés do B.N.G. por pertencer á AGAI (Asociación Galega de Amizade con Israel) é das cuestións máis disparatadas que últimamente puiden ler. Tamén lin artigos de opinión, varios, na súa defesa. Recordo a Manolo Rivas, Pilar Rahola, Manuel Bragado, Manuel Barreiro, Anxel Vence, Miguel Barros, etc. Por outro lado algún que outro xustificaba o linchamento. Estes últimos, entraban a falar do conflito Israel-Palestina. Pouca cousa. @s palestinian@s son bos e os xudeus malos. Simplista consigna.
E moita, moita ignorancia no fundo sobre a cuestión. Estou xa farto de consignas. Non son comunista, mais non teño nada contra os comunistas, traballo con eles axudando a facer País. Non son inimigo de Israel nin de Palestina, mais impórtame pouco o conflito árabe-israelita, pois pouco podo facer. Laméntoo, pero preocúpame máis o colectivo de galegos e galegas que agardamos a que nos transplanten un órgano vital, ou os problemas que arrastra a Galiza. Algo de culpa ten Israel, algo de culpa Palestina, para estaren hoxe sen unha solución. E non teño nada en contra da AGAI. Lin os estatutos e teñen tres obxectivos: Estudar e recuperar o pasado xudeu na Galiza. Dar a coñecer, investigar e difundir o que foi o Holocausto. Manter relacións cos grupos pacifistas, progresistas e defender os acordos de paz de Oslo asinados por Arafat e Isaac Rabin. Eis a cuestión. Qué ten isto de contradición co B.N.G.? Nada. No B.N.G. de Vigo a uns poucos foíselles o aceite ao lume. Xa o apagarán.
Estou farto de consignas. Cuba si, ianquis non. Outra. Estiven en Cuba dúas veces e entusiasmeime coa educación, a sanidade, a felicidade sen consumismo … repudiei a ditadura, a prohibición de prensa plural, a falla de liberdade de expresión, a prohibición de partidos políticos, o control dos militares polas rúas, en fin. Pero respétoo, mais será en todo caso a consigna: Cuba si, Bush non. Ou acaso non hai ianquis de esquerdas, pacifistas, que axudan o pobo cubano ou intelectuais como Chomsky ou Petras? Que doado é caer na manipulación. E se monto unha asociación de amizade Galiza-EE.UU.? E se me fago socio da AGAI porque non aguanto que pensen por min e me traten como un borrego? Tamén me van expulsar? Ú-los meus dereitos á discrepancia, ou de asociación? Galiza é plural, e o B.N.G. asume esa pluralidade ? Se expulsan a Pedro Gómez-Valadés, terán que expulsar a decenas de militantes e concelleiros do B.N.G. que están na AGAI. E tamén terían que expulsarme a min.Defender o réxime de Irán ou de Corea do Norte ou mesmo falar español, iso é merecente de ter carné. Mellor será reflexionar e razoar un pouco.
*Manoel Bello é Concelleiro e responsábel Local do B.N.G. de Mesía.