CICLO DE CONFERENCIAS:
Conferencias do escritor, profesor e xornalista israelí Gustavo D.Perednik
A Coruña:
Día 24 de abril martes ás 20:00 horas, no Auditorio de Caixanova na Avenida da Mariña (esquina rúa da Fama).
Título: "Maniqueismo e pensamento único sobre o conflito de Oriente Próximo"
Santiago de Compostela:
Día 25 de abril mércores ás 12:00 horas (Mediodía), no Salón de Actos da Facultade de Ciencias Políticas (Campus sur).
Tíulo: "Xudeofobia, antisemitismo e antisionismo".
Vigo:
Día 25 de abril mércores ás 20:30 Salón de Actos do Círculo Mercantil de Vigo, rúa do Príncipe, 44.
Título: "Da xudeofobia ao antisionismo: a demonización europea de Israel"
ENTRADA LIBRE
Eis un texto de Gustavo D.Perednik:
A verdadeira pregunta e as súas respostas
Gustavo D. Perednik
Resposta ás dúbidas que sobre Israel formula Felipe Giménez
Con moita altura Felipe Giménez Pérez expuxo dúbidas que representan a unha boa parte da opinión pública europea. Permítome respondelas a partir dunha análise da súa perspectiva.
Resúltame útil comezar agradecendo a benvida que me deu Fernando Genovés na súa columna, porque me sorprende a súa conxetura de que a voz xudea podería suporse dabondo presente en España. Das miñas frecuentes visitas e conferencias neste país, a miña impresión é diametralmente oposta. A voz que impregna os medios españois, a súa vida cultural e a súa «corrección política» non é a xudía senón precisamente a antixudea. Rara vez pode lerse ou escoitarse en medios masivos españois unha palabra comprensiva de Israel. Esa influenza tamén se percibe no texto de Giménez Pérez, a pesar da súa visible boa disposición para co pobo xudeu, e a pesar de que atenúa os seus cuestionamentos presentándoos coma os do «avogado do diaño». Sen embargo, para achar a inxustiza dos seus argumentos, abonda con poñelos nun plano relativo. Israel non é unha entelequia nin un concepto abstracto. É un Estado, un dos case douscentos deste planeta, pero curiosamente o único ao que persistentemente se lle revisa o «pecado orixinal» da súa concepción, coma se o resto dos douscentos países fosen paridos virxinalmente.
Os europeos tenden a crer que o motivo da súa enfermiza obsesión con Israel é a súa humana solidariedade co oprimido pobo palestino. Pero esa finxida solidariedade ten unha dopla mentira. Primeiramente, que de entre centenares de pobos carentes, só os palestinos espertan a solidariedade europea. Seguidamente, que cada vez que os palestinos sofren por culpa doutros réximes (Xordania, Kuwait, Arafat) non hai protestas nin lamentacións. Só cando pode acusarse a Israel (aínda indirectamente, como no caso de Sabra e Shatila) hai furibunda empatía. O núcleo da verdade é que Europa necesita repetirse a si mesma que Israel é vitimario. Así aplaca as súas propias culpas pola inmisericorde destrución do pobo xudeu que vén perpetrando durante séculos.
Xa que logo, acúsannos sempre. Xa que logo Giménez, aínda con boa vontade, non pode superar a necesidade de inspeccionar en Israel (e só en Israel) para revelar pecados de nacemento. Non hai creacións humanas perfetas; Israel tampouco. Pero cando dos douscentos Estados a disposición para a análise crítico, Europa concentra o seu cuestionamento principalmente na lexitimidade de Israel, as súas preocupacións morais resultan sospeitosas. Imos aos feitos. A terra de Israel foi independente só cando a posuíu o pobo hebreo. Este foi despoxado da súa terra pola forza, e nunca renunciou a ela. Non existe outro pobo que manteña pola súa terra unha incesante fidelidade de máis de tres milenios. E presenza constante. Sempre houbo comunidades de xudeus en Israel, índa nos longos períodos durante os que os imperios de vez o prohibían expresa e estritamente. Importantes comunidades se instalaron en Xerusalén e en Tiberíades a partir do século noveno.
O sionismo, como expresión do nacionalismo xudeu, como aspiración de retorno e de reparar unha inxustiza histórica, é milenario. Expresárono tanto xudeus relixiosos (Maimónides ou Najmánides, quen se radicou en Israel no século XIII) coma irrelixiosos como Baruj Spinoza, quen en 1670 declaraba que as xudeus recuperarían Israel.
O que se produciu no século XIX foi a politización do sionismo, tal como lle ocorreu ao resto dos movementos de liberación nacional (aínda que no caso dos xudeus acuciaba a urxencia dunha solución ao seu problema nacional, xa que a incansable crueldade europea arreciou con maior forza e saña). A urxencia do pobo xudeu por recuperar a súa terra foi unha carreira contra o tempo... na que chegou tarde.
E salientemos que aínda que o pobo xudeu era consciente dos seus dereitos históricos sobre toda a terra de Israel, sempre estivo disposto a contentarse con só unha pequena parte dela. Estivo listo a recuperar con alivio aínda que máis non fose un territorio cen veces máis pequeno que España, un recuncho neste planeta ao que poder volver a chamar finalmente Patria, e deixar de ser perseguido. Renunciaba ao todo para acadar un pouco, pola presa que impoñía que miles e miles de xudeus fosen asasinados.
Pregúntome: Non é este todo isto suficiente para espertar maior comprensión para cos «pecados» de Israel, para miralos con menor rigor do que aplicamos aos pecados de todos os demais países do orbe?
Sumémoslle que desde o comezo a idea fixa de Israel foi tender unha e outra vez a súa man de paz aos árabes. Cansouse de proporlles por todos os medios, facer xuntos do deserto un verxel, construír unha terra cuxa prosperidade ía beneficiar aos dous pobos. Algúns dos árabes, responderon ao chamado. O Emir Feisal de Hejaz asinou en 1919 un tratado coa Organización Sionista Mundial, que prevía a convivencia en paz dos dous pobos nun Estado hebreo renacido que traería beneficios aos seus cidadáns de todas as etnias e relixións. Pero o sufrido pobo árabe terminou unha vez caendo presa dos líderes máis fanáticos e sanguinarios, e as voces dos que desexaban crear en paz, foron afogadas en sangue.
Vaiamos ás cifras, que son a preocupación fundamental do texto de Giménez, e o núcleo da deliberada ignorancia europea sobre a cuestión. Os diversos imperios que a gobernaron prohibíranlles aos xudeus regresar a Palestina, porque só eles tiñan aspiracións independentistas no territorio. Cando a pesar das trabas, os xudeus reviviron a súa audacia e comezaron a regresar á terra de Israel en gran escala (1882) moraban alí (xunto a algúns miles de xudeus) uns douscentos mil árabes. Estes non tiñan nin identidade nacional nin cultura de seu distinta da do resto dos mundo árabe. Apenas viron asomar os primeiros froitos da inmigración israelita, os empobrecidos árabes dos países veciños responderon á obra creadora do sionismo: comezaron eles tamén a encamiñarse á entón Palestina, precisamente porque o arribo dos xudeus traía novas opcións de traballo. Non había pobo palestino. Non o houbo ate ben entrado o século XX.
Ate hoxe mesmo pode verse na práctica os beneficios que aos árabes lles traeu o renacemento da patria hebrea. É irrefutable que os árabes gozan de maior prosperidade en Israel que en calquera país árabe. E non falo só de nivel económico ou cultural. En Israel hai parlamentarios palestinos, xuíces palestinos que actúan sen temor, partidos políticos palestinos, xornais e radios. De feito, é o único país do mundo onde árabes como grupo exhiben tanta liberdade. En ningún país árabe poden exercela.
Que a situación podería mellorar? Por suposto. Pero comezar por criticar a Israel para que se corrixa, e omitir as flagrantes violacións de dereitos humanos no resto do mundo, sobre todo no mundo dos inimigos de Israel, é a todas luces sospeitoso. Resulta dunha acrescentada obsesión contra o xudeu. Contra a cultura xudía, a vitalidade xudía, o país xudeu. Saltar ese dato non mellora a situación.
Os xudeus non despoxaron a ningun pobo. A maior parte da terra era estatal. E o Estado moderno, eran os imperios otomán e británico. Os xudeus viñeron a traballar a terra, non a desposuír a ninguén. Construíron os seus kibutzim, as súas aldeas colectivas, a súa agricultura avanzada, as súas universidades. De todo iso vironse beneficiados tamén os árabes, a quen os seus líderes ofrecían só as alternativas de bombas, morte e xenreira. O conflito de Palestina non comeza coa chegada dos xudeus, como argúe Giménez Pérez, senón co rexeitamento dos líderes árabes. A guerra a desata o agresor. Eses mesmos líderes nefastos que non se opuxeron ao imperio colonial, si descargaron a súa ira contra un feixe de necesitados que viñan a traballar o deserto porque en Europa os trataban coma un virus, e porque sabían que esa terra lles pertencía por lexítimo dereito histórico e nacional. E Europa alentaba ao agresor.
O tema central
Por suposto que a parte agredida comete e cometeu erros. Ben conclúe Giménez con que Israel non sempre ten razón. Ninguén ten sempre a razón. Pero un non debería comezar a xulgar unha situación por medio de ensañarse coa vítima. Ignoro quen é o autor xudeu ao que cita Giménez. Como pertenzo a un pobo democrático, estou habituado a que abunden escritos de xudeus desde todas as posicións imaxinables. Pero en rigor fala moi ben do sionismo que cando se deban mencionar exemplos reais (e non mitos) da vileza de Israel, o que se traia á memoria é que había inmigrantes xudeus que rompían ovos e envelenaban tomates. En funesto contraste, o movemento árabe-palestino, apuntou e apunta deliberadamente a matar mulleres e nenos. Aliouse con Hitler. Foi iracundo. Exaltaba a loita xenocida do fundamentalismo islámico (que é unha forma violenta de imperialismo). Non hai países perfectos. Pero a Israel asístelle a razón de ser a vítima de réximes atroces.
E á maioría dos españois (Felipe Giménez incluído, aínda como «avogado do diaño») cábelles o pecado orixinal de buscar con lupa as tachas de Israel e saltar os horrores que perpetran os seus inimigos, que é un modo de alentalos no seu embate xenocida. E de azuzalos co mito do «pobo despoxado» que é moeda corrente en Europa.
Giménez sinala a discriminación da Lei de Retorno israelí, que privilexia a inmigración xudía sobre a non-xudía. Outra vez, establezamos unha perspectiva relativa. Hai algún país no mundo que non exerza esa discriminación? Se eu quixese inmigrar a España non me facilitaría os meus dereitos descubrirme neto de españois? Do mesmo modo, ser xudeu significa para Israel ser descendente dos posuidores desta terra. Que o momento desa posesión sexa remoto, non debilita o reclamo histórico: fortaléceo. Non se trata de que hai dous mil anos os xudeus posuíron Xudea, senón que durante dous mil anos foron o único pobo en reclamala como propia.
Outra vez, Giménez menciona as leis de propiedade de terra en Israel, que determina que ninguén é verdadeiro propietario da terra, senón o ente de forestación. Son leis moi socialistas que permitiron facer do deserto un oasis agricultor. Pero Giménez non se detén en logros senón en pecados. En contraste, non revisou as leis de terras de ningún outro país. Decataríase que a lei de Xordania (un dos máis moderados de entre as nacións árabes) pena explicitamente coa morte a quen venda terra a xudeus. Descubriría que os xudeus teñen expresamente prohibida a entrada a Arabia Saudí e a outros países, aínda como turistas. Por que entón por o dedo acusador contra Israel? Non pode recoñecerse aquí novamente a obsesión europea?
Prevexo a algúns de meus contraditores, que agardo manteñan a altura de Giménez. Espetaranme que eludo o tema. Que o que se espera de min é que explique a Israel, non que mostre cuán feo é o mundo. Pero ese é o quid. Non me avengo a que Israel sempre deba explicarse e defenderse a partir do banco dos acusados. Que a Bélxica que arrasou o Congo, a que nin sequera xulgou aos seus criminais nazis, neste mundo de aiatolás e tiranos, elixa para incriminar só ao Primeiro Ministro xudeu. Que a cínica Europa acuse, e Israel sempre deba defenderse. Pois non o acepto.
Lémbrame a un reitor universitario que na década do vinte suxeriu que se reducise o número de xudeus admitidos á universidade, debido a que «cópianse nos exames». Cando alguén lle replicou que os cristiáns tamén se copiaban, o reitor despachouse impávidamente: «Non me cambie o tema! Estamos falando dos xudeus!». Bo, amigo Giménez, permítaseme cambiar o tema.