23/04/07


AGAI CELEBROU O 59 ANIVERSARIO DA INDEPENDENCIA DO ESTADO DE ISRAEL

Medio cento de socios e socias da Asociación Galega de Amizade con Israel celebraron en Compostela, baixo a presidencia do seu titular Pedro Gómez-Valadés, o 59 Aniversario da Independencia do Estado de Israel. Ao acto acudiu, ademais da Xunta Directiva en pleno, o escritor Alfredo Conde, en calidade de convidado..

A reunión, que estivo presidida polas bandeiras de Galicia e de Israel, iniciouse, previa petición dos asistentes, coa bendición en hebreo do pan e do viño, a cargo dun socio xudeo. Na sobremesa, e tras os discursos, repartíronse os primeiros carnés de AGAI.

A petición de algúns asociados, a Directiva estudará cos seus avogados a conveniencia de por en coñecemento do ministerio fiscal a incitación ao xenocidio pronunciada e aplaudida no decurso dunha asemblea do BNG de Vigo, na que se decidiu a expulsión de Pedro Gómez-Valadés –membro dende hai 12 anos desa formación política- polo seu apoio a Israel.

Tamén se estudará o alcance e posíbel tipificación das inxurias verquidas por diferentes representantes do BNG contra AGAI e o seu presidente, ao tempo que xa se está a preparar a posíbel querela pola expulsión de Gómez-Valadés, medida que farase efectiva no momento en que aquéla sexa firme e unha vez esgotadas todas as instancias internas para recurrir contra o mencionado atropelo antidemocrático.

Santiago, 24 de abril de 2007