20/03/07

Linguaxes dos primeiros 70 para o mundo do século XXI


Linguaxes dos primeiros 70 para o mundo do século XXI
Por Marcos Valcarcel


Conste que non quería volver sobre o "caso Gómez-Valadés": pola miña banda, estaba todo xa dito e neste blog tamén se escoitaron todos os argumentos posibles (sen censura ningunha). Pero despois de ler os artigos de Guillerme Vázquez no Faro e dese "valor emerxente" que asina Xabier Igrexas en Xornal.com, quero manifestar que estou totalmente de acordo coa análise que fai M. Bragado en "Volta de torca" (Brétemas). Estase a demostrar que o intento de expulsión de Gómez-Valadés (que xa ten moral, o home!) é moito máis que un caso ou unha anécdota: é un debate transcendental para o nacionalismo de hoxe e do futuro. Pon en cuestión a liberdade de expresión e a auténtica concepción de pluralidade do modelo do nacionalismo para este país. A min lembroume, xa o contei en Brétemas, cando a algúns nos alcumaban como "culturalistas" dentro da UPG (tamén eu pasei por esa casa e non son ningún renegado, aínda que algúns non me creran). Ou cando se me encargou un informe para que os militantes de base non leran revistas tan perigosas como Teima ou El Viejo Topo, que seica deprimían a algúns militantes. Ou cando nunha célula se prohibiu discutir El origen de la familia, la propiedad privada y el estado, de F.Engels, porque os militantes non tiñan nivel e ó mellor o entendían ó revés. E como algúns calan, supoño que por medo e porque hai eleccións ás voltas, e outros opinan cos argumentos das críticas internas da UPG dos primeiros 70, por iso quixen manifestar aquí de novo a miña solidariedade cos que levan esta loita adiante dentro do BNG. Aínda máis, se alguén non asinou e está de acordo co que eu estou a dicir, xa sabe onde (militantes e non militantes): carta aberta a Anxo Quintana.