ESIXEN QUE ANXO QUINTANA DIGA SI OS XUDEOS GALEGOS PODEN MILITAR NO BNG.
Anxo Quintana e a dirección do BNG terán que dicirlle á sociedade galega se a organización nacionalista vai expulsar ao medio cento de militantes que, como Pedro Gómez-Valadés, tamén o son da Asociación Galega de Amizade con Israel (AGAI). Como é sabido, o día 30 do presente mes, e despois de pasar por diferentes órganos de ámbito local, comarcal e nacional do BNG, a Asemblea ratificará a expulsión de Gómez-Valadés, presidente de AGAI e membro do da Executiva e do Consello comarcal do BNG en Vigo. Na tarde de hoxe luns, 19 de marzo, cinco militantes e cargos da devandita forza nacionalista e, ao mesmo tempo, socios e algúns directivos de AGAI, deron unha rolda de prensa en Santiago para informar de que o “Caso Valadés” deixaba de ser un asunto local de Vigo para se converter nun “total despropósito de ámbito nacional”.
Pedro Gómez-Valadés dixo diante dos periodistas que “sería tan delirante expulsarme por defender o dereito do pobo xudeo a ter un estado propio –o cal, obviamente, non nos impide apoiar a creacion dun estado palestino-, como expedientar para botar fora a Francisco Rodríguez por dicir e defender que a República Islámica de Irán é un "referente mundial para o BNG". "Nos estatutos e nos textos do BNG non hai nada que me impida defender os dereitos do pobo de Israel. E o que si din eses textos explícitamente é que temos dereito a discrepar publicamente”.
Na mesma rolda de prensa falaron os concelleiros do BNG en Neda e Ortigueira, Abel García e Manuel Feás, así como César Pazos, membro do Consello Local do BNG en Vigo, que se “autoinculparon” de pertencer á Asociación Galega de Amizade con Israel así como Maribel Ferreiro que fixo o propio na súa comarca do Salnés. César Pazos foi máis alo e logo de salientar que militaba dende hai 26 anos no nacionalismo, afirmou: “Son nacionalista galego e socialista e quero que Anxo Quintana, Francisco Rodríguez e Antón Losada lle digan a todos os galegos e galegas se os xudeos poden militar no BNG ou non. Quero saber si son capaces de admitir e bendecir o antisemitismo. Hai anos que no seo do BNG temos que padecer o mobbing político de certas minorías da órbita comunista stalinista, que temos que soportar os seus insultos, acoso e violencia verbais, e vai sendo hora de que os dirixentes se mollen e deixen de mirar cara outro lado cando están fusilando a un compañeiro en Vigo. O BNG saca 130.000 votos, temos 8.000 militantes, 600 deles en Vigo. Nas asembleas participan 100 o son 20 os que montan este cristo. Os dirixentes teñen que tomar partido e decidir si este é o BNG que queremos abrir á sociedade, e se estes acosadores son os apoios que necesitamos para gobernar Galicia”.
Sobre os insultos que soportan dos seus compañeiros, instigados por persoeiros como a deputada a Cortes, Olaia Fernández Dávila ou o ex-parlamentario Guillerme Vázquez, así como polo candidato a alcaldía de Redondela ou varios concelleiros da comarca viguesa, Gómez-Valadés e os seus compañeiros expresaron sentirse ofendidos por tildalos de imperialistas e, sobre todo por insultalos con frases como “sodes uns asasiños de nenos e outras “infamias impublicables”. En concreto,Gómez-Valadés relatou que en Vigo existe unha proposta de expulsión contra un militante por maltratar á súa muller. “Pois ben, -dixo- compararon ese caso co meu, ¡e dixeron que o meu era moito máis grave!”.
Os convocantes da rolda de prensa finalizaron sinalando á preguntas dos xornalistas sobre o "silencio das organizacións do BNG" que algunhas forzas integradas no BNG, como Esquerda Nacionalista, farán pública a súa posición en relación co asunto en canto se esgoten os recursos que os afectados pensan presentar en todas as instancias, incluida a xustiza ordinaria.
19/03/07
Rolda de Prensa en Compostela.
De dereita a esquerda; Manuel Feás (Concelleiro en Ortigueira), Cesar Pazos (Consello Local Vigo), Pedro Gómez-Valadés (Executiva Comarcal Vigo), Abel García (Concelleiro en Neda) e Maribel Ferreiro (O Salnés). Todos socios fundadores de AGAI e militantes no BNG durante a Rolda de Prensa celebrada en Compostela.