10/03/07

Artigo de Manuel Rivas


UN "AUTO DE FE".
Por Manuel Rivas

E agora saio en defensa de Pedro Gómez-Valadés, así que non sei en que século estou. Se cadra xa oíron do caso e xa lles chegou o recendo a churrasco de simbólica fogueira. En resume: Este home, Pedro, militante nacionalista, e durante anos comprometido coa cultura na bisbarra de Vigo, está ameazado de expulsión do Bloque por figurar como presidente da Asociación Galega de Amizade con Israel. Non estamos a falar dunha organización creada por ningún estado ou partido, senón por persoas libres da sociedade galega. Esas persoas defenden a existencia de Israel como unha patria democrática, mais tamén dun estado de seu para os palestinos. O caso Valadés non atinxe só aos directos protagonistas nin a unha organización. É un test, unha proba, de que en Galicia, en calquera recanto de Galicia, mesmo nas criptas da caste que sexan, xa pasou o tempo en que podía ser perigoso tanto o falar como o calar. A expulsión de Valadés, de consumarse o auto de fe, sería unha agresión contra o librepensamento galeguista. Contra todos nós. Os que nos sentimos tamén parte de Galicia, a parroquia sefardí de Andreanápolis, habitada por galegos xudeus expulsados, e sobre a que escribiu con emoción, tamén el dende o exilio, Luis Seoane.
Publicado no xornal EL PAIS (09.03.07).