Pouca vocación de ortodoxia
Por Alfredo Conde
Algunha xente sabe que militei na clandestinidade política daquela do que xenericamente se coñece coma "o franquismo", acaso pra diferencialo doutras dictaduras dun e doutro signo: a de Primo de Rivera, por exemplo; máis aínda nestes tempos nos que de novo empeza a aboiar algunha bibliografía tendente a ensalzar a figura do seu fillo, do fillo de Primo de Rivera, aquel ó que os seus chamaban O Ausente e seica deixou unha Revolución Pendente. Pero esas son outras lerias.
Ó que eu ía era a que abandonei a militancia xusto o día no que houbo as primeiras votacións democráticas. A xustificación do meu abandono non lles parecerá de recibo a non poucos, pero o certo é que din por rematado o compromiso das responsabilidades contraidas en razón de que eu non podía militar nunha organización que me ofrecía un ámbito de libertade menor co da propia sociedade na que se inxería. Prós que non saiban ónde eu militaba direi que era no Partido Comunista. Sempre souben que non hai pior cuña ca do mesmo pau.
Agora, case trinta anos despois, cando chegada a hora de governar, os contrastes entre esquerda e dereita son xa moito máis difusos que daquela e atinxen a cuestións estéticas, tamén éticas, pero de xeito que xa non nos asustaría que chegase un momento no que sucedese como no resto do mundo civilizado, isto é, que os votos nos Parlamentos se producisen en función dos intereses dos electores e non dos partidos que afirman representalos, agora, cando a libertade está instalada entre nós ata cota que endexamais poidemos soñar os da miña idade e circunstancia, vou e leo que o Consello Comarcal do BNG de Vigo propuñeu a expulsión do seu responsable da área de Cultura e Lingua por ser o presidente dunha organización pro xudea, ou pro israelí, vaia por Xehova, pois seica o BNG tira máis cara Alah e a defensa do, ó parecer, nada imperialista bloque arabe.
Velaí teñen unha expresión propia doutros tempos. "O governo de Israel aposta por prácticas imperialistas e declarar o contrario é incompatible cos principios nacionalistas", seica afirmou a responsable comarcal do BNG de Vigo, dona Manuela Rodríguez. Ás veces un pensa que, tras tempos, tempos veñen e se esquece de que o ser humano é sempre o mesmo, sempre, sempre, e que no mundo ten que haber de todo. Ouh, qué pouca vocación de ortodoxia temos algunhas xentes, cánta outra tanta e que axiña de pode desandar o andado. Como se fora tan doado volvelo andar de novo.