Por Afonso Vázquez-Monxardín
Estados Unidos e Israel son dúas democracias. Israel, a única do Oriente Medio. Outra cousa é a valoración que fagamos das respectivas políticas. E ademais, como son democracias, cambian. A Inglaterra democrática portouse moi mal cos nosos irmáns irlandeses e deixounos morrer de fame no XIX. Estados Unidos gañou por nós a guerra de liberación que foi a II Mundial e logo meteu o zoco varias veces. Pero non se debe falar de destruír democracias. Contradicir, combater políticas, claro, pero non destruír democracias. En Israel hoxe hai ministros árabes. O país de Edgar Alan Poe, de Woody Alen, do Bruce Springsteen que falou galego no Monte do Gozo, non é o inimigo. Nin o de Bill Clinton que en Camp David, con Arafat e Rabin, intentou a paz. Non debemos pois caer na simplicidade. Promovamos aliados internos de paz e progreso. Ah. Pero con Israel todo vale. De nada serve a historia e que a Organización das Nacións Unidas intentase no ano 1948 o que segue a intentar hoxe Israel: dous estados, un israelí e outro palestino.
O vello demo antisemita, o que na idade media permitía matar xudeus acusándoos de deicidio, o que na vella Rusia tsarista publicou os Protocolos de Sión -un falso plan xudeu para controlar o mundo- e promoveu horribles progrooms... O vello demo antisemita que fixo que Hitler e Stalin funcionasen parecido, o que llepermite a Ahmadineyad ameazar co holocausto final, encarnouse galego: No BNG e baixo o maxisterio espiritual da UPG. É lícito seica defender a irmandade con Cuba ou con Corea do Norte, sen eleccións e con presos políticos. Pódense admirar as bandeiras que levan os suicidas ao entraren nos autobuses escolares de Tel Aviv. Pódese mesmo facer unha estraña e confusa referencia á defensa racial... como fai o punto 7 das "Medidas de tipo político administrativo" do hoxe delirante programa da UPG.
Ah, pero compartir a idea do socialista Shlomo Ben Ami, creador da esperanza, e organizar unha voz galega pola paz en Medio Oriente desde a óptica da defensa do dereito a existir de Israel, é delito para o antisemitismo galego. Pedro, amigo, amante de Europa e da xusta causa da paz entre Israel e os árabes de Palestina, pelexa pola túa razón... pero que creo que estarías mellor lonxe de moita desa xente.