PRENDAN DE NOVO AS FOGUEIRAS.
Por Álvaro Otero
Por Álvaro Otero
Entre os mitos de certa esquerda rancia, que pervive por estes pagos, tópase o de demonizar a Israel cando se analiza o seu conflito cos países árabes en xeral, e co pobo palestino en particular. É unha visión, por maniquea, profundamente falaz, na que os palestinos son os bos boísimos e Israel un estado asasino que só existe grazas ao apoio do outro Gran Demo, a patria do Tío Sam. Hai algúns anos, nas reunións progres considerábase de mal gusto achegar calquera matiz a esta tese de partida, e ademais, para desgraza de quen admiramos a cultura xudea, algúns gobernos herdeiros de Ben Gurion non fixeron senón darlles razóns aos antiisraelíes que no mundo hai, que son moitos.
Non entanto, dun tempo para acó comezaron a elevarse voces desde a propia esquerda reclamando un enfoque máis axustado á realidade, que como todo na vida está cheo de grises. foron voces incómodas, pero o que nunca poderiamos agardar é a reacción do Consello Comarcal vigués do BNG, esta mesma semana, propoñendo a expulsión de militancia de Pedro Gómez-Valadés, cuxo pecado é presidir a Asociación Galega de Amizade con Israel -AGAI-, constituída en decembro pasado por un cento de cidadáns entre os que se atopan militantes de todos os partidos.
As razóns esgrimidas para a expulsión déixannos coa boca aberta: o carácter "imperialista" de AGAI fronte aos principios "antiimperialistas" do BNG. Semellante argumento non só cheira, como antes diciamos, a todo o máis rancio de certa esquerda rancia, senón que é profundamente antidemocrático e, se me antolla, exuda un antixudaísmo secular que nos retrotrae á expulsión dos Reis Católicos, aliñando a estes defensores locais do antiimperialismo cos fundadores do imperialismo español, outro dos seus vellos demos. Probabelmente estes torquemadas inquisitoriais, como os cualificou a AGAI nun comunicado, non vexan problema algún -ninguén, en rigor, debería velo: a amizade cun país non implica necesariamente o apoio aos seus dirixentes- no feito de que outros militantes pertenzan á asociación de amizade con Cuba, quizais porque o cubano, a piques de converterse no réxime ditatorial máis lonxevo do planeta, é moi, pero que moi antiimperialista.
A decisión pende agora sobre o Consello Nacional, que ten aquí unha oportunidade de ouro para comezar a erradicar certos resabios stalinistas que afastaron tanto, e seguen afastando, ao BNG de amplos sectores sociais. Mentres tanto seguiremos entendendo que os xudeus, polo menos para ese partido en Vigo, non son benvidos. Gran exemplo de tolerancia, gran revival. Fraga, cando menos, organizou unha viaxe oficial da Xunta de Galiza á Libia de Gadaffi contra o criterio de todo o seu partido. Ao César, di o refrán, o que é do César.
Artigo publicado no xornal FARO DE VIGO