12/12/06

As opcións de Israel

As opcións de Israel
Por Alona Fisher-Kamm
22.06.2006

En agosto de 2005, hai case un ano, Israel retirouse da franxa de Gaza, poñendo fin a 38 anos de presenza civil e militar israelí. A partir desa data, ningún soldado ou civil israelí pisou esa terra. Con ese acto, Israel quería e pensaba pechar un capítulo e deixar aos palestinos dirixir a súa vida diaria sen o pretexto eterno da "ocupación". Verdade. Tratábase dunha decisión unilateral israelí que non foi negociada cos palestinos. A decisión tomouse cando aínda estaba vivo Arafat, que non podía ser un interlocutor válido para as negociacións con Israel, pois non só non renunciara ao terrorismo, senón que, ademais, era responsábel de incitar, promover e iniciar actos terroristas. Nestas circunstancias, unha retirada unilateral era a mellor solución posíbel para superar o impasse político e tratar de rachar o círculo vicioso da violencia, que custou a vida de tantos israelís e palestinos. A retirada israelí, con todas as súas limitacións, abriu a porta para a aplicación da "Folla de Ruta" deseñada polo Cuarteto para dar un impulso ás negociacións e debuxar un camiño para a paz. E, de verdade, o segundo semestre de 2005 encheunos de esperanza. Viaxes de enviados especiais, multiplicáronse as visitas de líderes mundiais á zona, encontros entre palestinos e israelís a todos niveis. A idea dun acordo negociado e firmado entre os palestinos e israelís estaba no centro do programa do partido Kadima, dirixido polo actual Primeiro ministro, Ehud Olmert, durante a campaña electoral. Por vez primeira dende había moito tempo, rexía esta sensación de optimismo, que a paz nos agardaba á volta da esquina… Só que á volta da esquina agardábanos tamén Hamás. Os resultados das eleccións palestinas cambiárono todo.
O rexeitamento da mera existencia de Israel como estado xudeu e a continuación da loita armada (noutras palabras, o terrorismo) eran o centro da súa campaña electoral. A súa carta fundacional, os seus discursos e os seus actos poñen de manifesto o odio, o seu carácter antixudío, o seu rexeitamento a Israel e a calquera solución pacifica ao conflito, que, a seu entender, non é político, senón relixioso. "Non hai outra solución ao conflito palestino, que non sexa a Yihad", di o artigo 13 da súa carta fundacional. Seis meses no poder sen ningunha mudanza ou indicio de moderación. A pesar da presión da comunidade internacional, os líderes de Hamás están tratando de gañar tempo e romper a fronte internacional que puxo tres condicións para que Hamás sexa recoñecido como interlocutor: o recoñecemento de Israel, o abandono do terrorismo e o recoñecemento dos acordos xa asinados entre Israel e a ANP. Evitar a catástrofe humanitaria, a gran preocupación da comunidade internacional, non parece preocupar demasiado a Hamás, ou polo menos non ate o punto de considerar a aceptación das condicións postas e o recoñecemento de Israel. Pola contra, dedican o seu tempo a promover o odio e a rexeitar todo xesto de moderación. Entrementres, seguen caendo mísiles Kassam sobre cidades israelís; casas, escolas, infraestruturas e miles de israelís son reféns en mans do Hamás, pasando a diario moitas horas nos refuxios. Estes ataques continuos de artillería permanentes, que teñen provocado mortos e feridos, proveñen da franxa de Gaza, onde os palestinos son responsábeis da súa vida e da súa seguridade. Que lección podemos aprender nós, os israelís, desta experiencia?
O significado da retirada israelí baseouse xusto na posibilidade de facilitar unha confianza mutua baseada sobre o interese común de que o caso de Gaza sirva de precedente para o futuro. O seu éxito, a pesar do carácter unilateral e puntual, podería ensinar a ambas partes que Israel pode manter a súa seguridade e defender as súas fronteiras aínda sen presenza física nunha gran parte dos territorios. Pero agora, poderemos nós arriscarnos a retirarnos de Cisxordania, tomando en conta as dimensións tan reducidas do Estado de Israel? Como defenderemos á poboación de Tel-Aviv, por exemplo, que está a 18 quilómetros de Cisxordania, ou o aeroporto internacional, que está a 6 quilómetros? Non só os israelís son reféns da política de Hamás. Os palestinos, aqueles que si queren a paz e si queren ter unha vida normal ao carón de Israel e non no seu lugar, teñen moitas razóns para preocuparse. Pero o verdadeiro refén de Hamás é o proceso de paz. O seu avance depende dunha soa palabra de Hamás: "SI". Si ao recoñecemento de Israel, Si ao abandono do terrorismo e Si aos acordos asinados. Coa vitoria do Hamás, regresamos á época "pre-Oslo" sen recoñecemento de Israel e sen interlocutor válido. Para que mude esta política palestina, é necesario manter a presión internacional sobre os seus líderes políticos e manter a fronte común que non lles da a lexitimidade nin a Hamás, nin aos seus membros, nin á súa política actual. Canto máis forte e eficaz sexa a presión política e máis rapidamente se trasmita a mensaxe do rexeitamento da comunidade internacional ao comportamento de Hamás, menos falta fará tomar medidas que provoquen o sufrimento da poboación civil palestina. Israel non ten interese en inflixir danos aos palestinos. Iso sería inaceptábel desde o punto de vista moral e político. Israel tampouco quere o caos ou inestabilidade social e política nos territorios palestinos.
Está todo perdido? Non necesariamente. En Israel, os resultados das eleccións amosaron que, a pesar da vitoria de Hamás, os israelís seguen vendo nun acordo negociado cos palestinos o camiño preferido. O goberno israelí segue considerando esta opción como prioridade. Israel dará tempo a Hamás para que cambie a súa postura e acepte a idea de negociar con Israel. Israel segue disposto a negociar co obxectivo de acadar unha solución pacífica de dous estados vivindo un ao carón do outro. Só no caso de fracaso e sen troco na actitude de Hamás, exploraremos outras ideas para avanzar e evitar a frustración que produciría unha situación de parálise. Nese caso, o primeiro-ministro israelí está decido a levar a cabo o seu plan de "converxencia", unha retirada importante de Cisxordania, desmantelamento de varios asentamientos e fin da presenza militar israelí nesa zona, determinada por Israel. Esta medida unilateral tal vez, non poñerá fin ao conflito, pero poderá, polo menos, considerarse coma un paso importante adiante no cumprimento (unilateral tamén) da "Folla de Ruta". O plan de converxencia é tamén unha mensaxe para todos: o rexeitamento de ser reféns de Hamás, o rexeitamento a aceptar as súas regras do xogo baseadas no terrorismo e á súa negativa a toda solución pacifica. Os palestinos teñen agora unha oportunidade única. Converter esta iniciativa unilateral nun proceso de negociación e de paz que teña en conta as necesidades, as inquietudes e os intereses de ambos lados. Tan pouco lles pedimos: só que acepten os requirimentos mínimos necesarios para ser interlocutores. Os seus líderes teñen que comprender que estamos condenados a vivir un ao lado do outro polo beneficio de ambos.