11/12/06

A guerra do Líbano, e agora que?

A guerra do Líbano, e agora que?
Por Alona Fisher-Kamm
18.10.2006

Hai uns días, sen demasiada cobertura mediática, os últimos soldados israelís saíron do Líbano e volveron a Israel, agás un pequeno núcleo de soldados nunha aldea raiana onde fará falta coordinar en detalle a saída. Así, os soldados da FINUL –e por primeira vez tamén os do exército libanés– puideron seguir o seu desenvolvemento segundo a resolución 1701 da ONU. Non é a primeira vez que se adoptan resolucións respecto á soberanía do Líbano e a necesidade de desarmar aos grupos armados, entre eles o grupo terrorista Hizbollah. Tampouco foi a primeira vez que soldados da FINUL se despregan no sur do país. Nesta ocasión, sen embargo, a comunidade internacional, o goberno libanés e Israel teñen o interese común de non permitir o regreso ao status quo anterior. Desde a retirada completa de Israel no ano 2000, recoñecida como tal pola ONU, a FINUL, que carecía dun mandato claro de actuación, servía máis que nada para tomar notas das violacións das resolucións por parte dun ou doutro bando.
Quedou así sen capacidade de actuación perante situacións como a do secuestro dos soldados israelís ou cando Hizbollah perpetrou un atentado terrorista en Israel. Israel, ao estar fóra do Líbano, non tivo máis remedio que ver como aos poucos Hizbollah se armaba fronte aos seus ollos con 15.000 mísiles e foguetes e provocaba a diario con acosos, agresións de maior ou menor intensidade, manifestacións e tamén, de vez en cando, con secuestros de soldados e lanzamentos de foguetes contra a poboación israelí do norte. O goberno libanés, pola súa banda, tiña que soportar a creación dun estado dentro do estado e a falta de toda presenza e soberanía no sur. E todos nós, fumos testemuñas de como aos poucos Irán reforza a súa presenza no Líbano a través do seu brazo terrorista, Hizbollah. Vimos como a inxerencia de Irán se converte nun perigo e nunha ameaza para a estabilidade dunha rexión xa suficientemente implicada en guerras e conflitos.
E esta Hizbollah, representante de intereses alleos, soubo elixir ben o momento da última provocación, cando os seus dous patróns intelectuais e materiais –Irán e Siria– estaban buscando desesperadamente unha forma de desviar a atención internacional dos seus casos pendentes. Nin a comunidade internacional, nin Líbano, nin Israel poden permitirse volver á situación anterior de observar de xeito pasivo e impotente o rearmamento de Hizbollah e o xurdimento dun eixe Sirio-Iraniano con Hizbollah á fronte. A única saída posible é apoiar aos elementos moderados, a aqueles que queren restaurar a estabilidade e a soberanía do Líbano, previr o rearmamento de Hizbollah, desarmala e axudar ao goberno libanés a restaurar a autoridade. A implementación da resolución 1701 non será completa sen á liberación dos dous israelís secuestrados.
Pero as consecuencias da guerra do Líbano van máis alá desta fronteira. Fixo cambiar o punto de mira dos israelís, polo menos a curto prazo, respecto á solución do conflito palestino-israelí. A inmensa maioría da sociedade israelí segue crendo na solución pacifica baseada sobre o principio de dous estados que conviven pacificamente. Pero esta mesma maioría está máis inqueda que nunca ao ver o ocorrido nas nosas fronteiras. O goberno palestino actual segue negando a existencia de Israel. Segue negándose a recoñecer os acordos asinados entre as dúas partes e segue co terrorismo. A pesar dos eloxios prematuros da comunidade internacional, aínda non se estableceu un goberno de unión nacional e as diferenzas internas manifestáronse dunha maneira violenta nos últimos días. E se algún día se chega a formar un goberno de unidade nacional, non parece que vaia aceptar as condicións postas pola comunidade internacional. Verdade. A campaña electoral de Ehud Olmert comezou cunha chamada a por fin ao conflito a través de negociacións de paz. En consecuencia, o seu partido gozaba dunha popularidade sen precedentes. Pero ese anhelo israelí non poderá realizarse sen un interlocutor válido na outra beira, un interlocutor que recoñeza o noso mero dereito a existir e que acepte o principio de negociar a paz en vez de seguir soñando coa desaparición de Israel.
Ao non ter un interlocutor desde a vitoria de Hamás, Ehud Olmert optou pola retirada unilateral de Cisxordania. Nunca foi a solución ideal, pero nas circunstancias rexionais era un paso importante para evitar o impasse. Pero a desde a guerra do Líbano, os israelís poñen en dúbida tamén esta opción. Retirámonos do sur do Líbano e durante seis anos limitabámonos a observar o rearmamento de Hizbollah, contenéndonos de calquera reacción ate o último enfrontamento. Retirámonos da Franxa de Gaza e seguimos sufrindo ataques diarios de foguetes sobre as nosas cidades do sur e somos testemuñas dun armamento perigoso de Hamás e doutros grupos. Hamás, que sempre viu en Hizbollah un modelo a seguir, declara a súa intención de armarse e mellorar a capacidade dos seus foguetes Acaso non sería demasiado arriscado aventurarnos cunha terceira retirada unilateral, esta vez aínda máis perto dos grandes centros de poboación do país? Pregúntanse os israelís. Unha vez máis, Hizbollah e Hamás seguen sendo o gran obstáculo para a paz e seguen prexudicando os intereses dos propios palestinos e libaneses.
Pero a guerra do Líbano repercutiu tamén aquí, en España. Os actos conmemorativos do 20º aniversario do establecemento de relacións diplomáticas foron interrompidos por unha serie de declaracións e medidas feitas por líderes políticos españois que amosaron que os altibaixos do proceso de paz e os acontecementos rexionais condicionan as relacións bilaterais e ditan a súa calidade. Aos ollos dos israelís, calquera diferenza que puidese existir entre ambos lados ten que ser tratada no marco de relacións sólidas e estables e no marco dun entendemento dos intereses e dos valores comúns que nos unen. O interese común de profundar nas relacións bilaterais é a base para debater calquera diferenza, é o que ten que reinar e servir de vehiculo para superar os malentendidos. Ao fin de contas, España e Israel loitan conxuntamente pola paz en oriente próximo e ambos teñen que loitar en contra de todos aqueles que poñen un obstáculo no longo camiño para alcanzala. Ambos están unidos no desexo de por fin ao terrorismo e abrir a porta ás negociacións que conduzan á solución de dous estados. Ambos comparten os mesmos valores democráticos e creen que a prosperidade e o benestar dos pobos da rexión axudarán a consolidar a paz e a seguridade. Ambos están de acordo en que a solución ao conflito árabe-israelí é política e non militar, pero entrementres e ate que se dean as condicións necesarias para ter un interlocutor válido, somos nós os israelís quen temos que defendernos e protexer a nosa poboación dos atentados diarios, das ameazas e agresións e do sono que aínda teñen algúns dos nosos veciños de poñer fin á nosa existencia.
E, se erramos, seremos nós, os israelís, os primeiros en pagar o prezo…