20/07/19

Onde irá Irán? Por Afonso Vázquez-Monxardín



Afonso Vázquez-Monxardín

Anda o estreito de Ormuz quente. É verán e nas as illas e continente que rodea a ambas beiras, Irán ao norte e o enclavé omaní de Khasaba ao sur, pasan, adoito, dos cincuenta graos. Calor que debeu sufrir Xoan de Novoa, o primeiro ourensán naquelas terras. Participou destacado na conquista do pequeno reino de Ormuz para os portugueses en 1507, ferírono, e fuxiu logo do seu superior Afonso de Alburquerque -a quen acusou de crueldade cos do lugar- en 1508. Morreu ao ano seguinte, só, na India.
Tamén anda quente hoxe a zona por escaramuzas vellas e novas. Vellas, porque “alguén” - incendia barcos que pasan por alí -0 30% do petróleo do mundo-, e modernas porque seica se chimpan drons uns aos outros. Ou tal parece. Porque nas guerras modernas, e se cadra vellas, as mentiras, son arma de confusión masiva: a primeira vítima, sempre, a verdade. E o que está por detrás deste lío actual é o tema da procura da bomba atómica por parte do Irán dos aiatolás e que motivou as sancións internacionais que hoxe padece a vella Persia. 

E uns opinan que é preciso reforzar a presión sobre Irán porque están tratando de, baixo corda, facer a bomba para “varrer do mapa”, como insisten continuamente, Israel. Mentres, outros pensan que os líderes iranís son boa xente que sofre a incontinencia dun personaxe como Trump. E eses ecos de lonxe, debémolos escoitar con moita calma e reflexión, non vaia ser o demo que nos deixemos arrastrar por un antiamericanismo de ben pensantes, que acabe por ser de inxenuos, e que esquezamos que nos sacaron de dúas guerras mundiais sen que empezasen ningunha; e acabaron coa guerra dos Balcáns, lío intraeuropeo onde os haxa. Inxenuos, moitos pensaban noutrora, tamén, que o bo era Pol Pot só porque se enfrontaba a EEUU. En fin, hai dúas leccións de historia recente que debemos lembrar. A primeira a política de boísta do primeiro ministro británico Chamberlain que aceptou en Munich, en setembro de 1938 a anexión de zonas de Checoslovaquia -Os Sudetes- por parte de Hitler para non incomodalo. Cando volveu a Londres recibírono as masas felices polo seu acordo; mentres Churchill, rosmaba profeticamente “Ofrecéronnos elixir entre a humillación ou a guerra. Xa aceptamos a humillación, agora virá a guerra”. E tal foi. A segunda lección, é un terreo común vivencial dos xudeus. Din que sempre que alguén os ameazou, cumpriu as súas ameazas, por tolas que puidesen parecer. Ninguén, na culta Alemaña de 1930, podía crer que aqueles rapaciños vestidos de boy scouts que levantaban o brazo, fosen perigosos. E menos, fóra. Así que cando os xudeus de hoxe oen aos poderosos Gardas Revolucionarios e aiatolas de Irán ameazalos co de varrer e o mapa, non teñen razóns para pensar que é chiste. 

E se a isto lle sumamos a información dos seus servizos secretos -Mossad-, o envío constante de armas a Hezbolá no norte, a Siria no leste, e a Hamás no sur, o desenvolvemento dos seus mísiles Emad capaces de chegar a todo Israel, o enriquecemento de uranio, o ascenso na todopoderosa Garda revolucionaria dos individuos máis deslinguados e intervencionistas, o incremento da represión interior contra unha sociedade moza, de internet e youtube, (en 1979 tiña Irán 30 millóns de habitantes, hoxe 83), a nula vontade de camiñar sendeiros de paz, parece xustificado o seu temor. A cousa non pinta ben, pero, sempre, debemos ter claro que Israel son hoxe os nosos Sudetes, a primeira liña de occidente fronte ao desacougo.