30/01/19

A banalidade dos días. Por Pedro Gómez-Valadés

Pedro Gómez-Valadés asinando no libro da memoria en Auschwitz

Pedro Gómez-Valadés
La Voz de Galicia - 30.01.2019

Descoñezo a súa orixe, desde cando existen días dedicados á conmemoración ou celebración dalgún tema de relevancia social. Supoño, que fiando no tempo, estes días virán dos dedicados aos santos e festividades que poboan o noso calendario. De certo, non hai nos 365 días do ano, nin un só que non teña sobre as súas costas unha tarefa, un motivo engadido ao seu simple uso temporal. Sendo normalmente organismos internacionais os que determinan datas para lembrar, concienciar á cidadanía dos máis diversos motivos.

E un ano máis, xurdindo no medio da friaxe dos primeiros días do calendario, xa desde o ano 2005 cando a Asemblea Xeral de Nacións Unidas estableceu os 27 de xaneiro (día no que as tropas soviéticas liberaron o campo de exterminio de Auschwitz) chéganos a xornada dedicada internacionalmente á memoria das vítimas do Holocausto. Febre xenocida que na barbarie infame que asolou as Europas nos anos 30 e 40 do século pasado, levouse por diante a seis millóns de xudeus culpables todos eles de seren... xudeus.
 

Fixar unha data ten unha formidable carga positiva de concienciación, pero ten tamén un importante risco, o de por mor da ritualización, banalizar con superficialidade actos e actividades que perden así vigor social á forza de transitalos sen poñer o necesario corazón no evento. O día do Holocausto é un día cunha carga emocional, social, ética, enorme. Porque é un día sementado coas almas de millóns de seres humanos asasinados na profundidade da nosa civilizada Europa, soterrados en anónimas fosas comúns ou nos cadaleitos de negro fume negro dos ceos travestidos en cemiterios.

Conmemorar este día e facer xustiza para cos mortos e para con nós mesmos. Porque nós non fumos responsables de semellante exercicio de bestialidade ao servizo do exterminio industrial. Pero nós, si seremos responsables se o feble facho da memoria se chegara a extinguir. Porque os Balcáns, Ruanda, Darfur, o xenocidio do pobo rohingya, do pobo yazidí.. son as probas de que o virus do fanatismo criminal continua vivo no mundo e xa que logo, lembrar, non esquecer o Holocausto de seis millóns de xudeus é unha vacina e un antídoto contra a resurrección dos fantasmas que teimudos néganse a desaparecer da historia.

Ver orixinal: