Por Pedro Gómez-Valadés, presidente de AGAI*
París,
decembro de 1969, Paco Ibáñez ten previsto actuar no 28 do
Boulevard des Capucines, na mítica sala Olimpia. Pero nada máis
facerse pública a nova da súa actuación, grupos de activistas en
oposición ao réxime imperante en España fan un chamado ao boicot e
cancelación do concerto. Outro tanto sucede con Serrat, Buñuel, ou
as conferencias na Sorbona de Semprún. Evidentemente estas case
surrealistas situacións nunca tiveron lugar, a solidariedade
internacional contra a España franquista xamais boicoteou aos
artistas, intelectuais, deportistas... españois que levaban a súa
arte e o seu saber polo mundo adiante. Realmente imaxinar unha
manifestación na porta do Olimpia é un auténtico disparate... ou
non..Porque a día de hoxe si hai situacións reais semellantes que
poden suceder -e suceden- nas nosas universidades ou en outros
posibles escenarios, xa que ao aveiro da lexítima solidariedade con
Palestina, grupos internacionais tamén presentes no noso país,
promoven campañas de boicot contra calquera que proceda dun só
estado no mundo, só un, contra calquera cidadán israelí.
Estas
campañas levadas a cabo coa falsa coartada da solidariedade, son un
grave atentado contra esa mesma solidariedade que din erguer como
bandeira. Porque ademais de que o conflito palestino-israelí non
pode resumirse nun guión en branco e negro, de bos e malos, estas
accións antiisraelís son fondamente destrutivas para o que seica
din pretender.
O
camiño da paz non precisa de portas e fiestras pechadas, de pontes
dinamitadas...o que realmente debera mover a quen queira apoiar a
resolución do conflito é a empatía cos dous pobos, cos dous dramas
que merecen un futuro xusto. E as campañas de BDS, coas súas
indecentes ameazas e chantaxes, co seu castigo colectivo contra todos
os cidadáns israelís, coa súa semente de odio antisemita non
axudan en absoluto a xerar a necesaria atmosfera entre as partes que
debe levar á mesa de negociación a palestinos e israelís.
* Artigo publicado no xornal LA VOZ DE GALICIA o 10.09.2018