09/07/18

Carlos Núñez non é un nazi




O pasado luns día 21 de maio, o programa de radio "Vigo en la onda", de Onda Cero, presentado por Raquel Sánchez, emitiu na súa columna “La firma” que semanalmente asina o exconcelleiro vigués Carlos Nuñez Rodríguez, unhas palabras indistinguibles das dun neonazi. Comezou co copia e pega de mentiras habituais, fácilmente refutables; atribuiu declaracións falsas ao actual Primeiro Ministro de Israel ("Sólo matando palestinos se puede conquistar la tierra palestina"; desde aquí o animamos a achegar ditas declaracións. Grazas), que dende o 1930 demoleronse “la mayoría de las ciudades árabes” (qué cidades?), e xa entrando en calor, “durante las Segunda Guerra Mundial los judíos nunca formaron parte del frente antifascista”. 

Os desvaríos de Carlos Nuñez non terían máis relevancia de non ser porque, precisamente, non tiveron ningunha. Tras a derrota do nazismo, esa ideoloxía é xeralmente desprezada, cando non directamente ilegal. Sen embargo, os mitos medievais dos que se valeu perduran e con boa saúde. Carlos Nuñez pode formalmente rexeitar o nazismo, e continuar empregando os mesmos elementos; o dominio desde a sombra, a crueldade contra o non xudeu, ou a actuación en bloque coma un ente maléfico. 

É frecuente que quen odia aos xudeus apele á liberdade. Vense, a si mesmos, como homes libres, que falan claro e sen ataduras, o cal é certo se entendemos por ataduras as que outorga a razón. Cando Carlos Nuñez di que “durante la Segunda Guerra Mundial los judíos creían correcto el exterminio de etnias y el genocidio en Europa oriental” ou “el exterminio nazi no tuvo como objetivo el millón [sic] de muertos judíos”, está falando con liberdade. 

En concreto, liberado de calquera forma de cultura ou intelixencia, sen o molesto peso que o coñecemento supón para os espíritos xoviais. Desde aquí o animamos a que aplique o mesmo criterio a outras verdades evidentes a ollos de calquera persoa libre das manipulacións da Cultura; a bondade da xustiza popular das turbas, a submisión da muller ao home, a volta ás sangrías para curar enfermidades, o apedreamento de homosexuais, ou o xeocentrismo. 

Como a democracia xoven e acomplexada que é, en España téndese a amparar o discurso do odio dentro da liberdade de expresión. A diferenza de países cun Estado de Dereito consolidado, ainda non calou a idea capital de que a liberdade e a responsabilidade son as dúas facianas da mesma moeda. E que, se non existe censura previa, é para que cada quen actúe libremente e acepte as consecuencias. Coma outra das nosas contas pendentes coa modernidade, en España verquer odio contra os xudeus segue saíndo de balde. 

Carlos Nuñez Rodríguez non é un nazi. É parte de algo máis grande, do que o nazismo é un subgrupo. Ambos comparten filas no que Agust Babel denominou “o socialismo dos imbéciles”. Unha lexión sentimental, unida polo odio de sempre, coa careta de cada época.