Diversas entidades culturais, civís e relixiosas organizan en Santiago de Compostela unha exposición cos debuxos dos nenos xudeus que viviron entre 1940 e 1945 no campo nazi de Terezín (actual Chequia). A mostra inaugúrase mañá venres ás 18:00 horas no claustro alto de Fonseca, no primeiro, e onde permanecerá aberta ate o 24 de febreiro en horario de luns a venres de 9,00 a 21,00 horas e os sábados ate as 13,00 horas.
Organizada pola Comunidade Xudia de Galicia, a Asociación de Amigos da Ópera de Santiago, o Centro Checo de Madrid e a Universidade de Santiago de Compostela-USC, a iniciativa consta de 33 debuxos. Estes foron realizados na chamada 'Kleine Festung Theresienstadt' --pequena fortaleza de Terezín--, que foi un centro de aloxamento para militares desde a finalización da súa construción en 1784 e que case dous séculos despois pasou a albergar o horror nazi.
Na coñecida coma a "sala de espera do inferno" estiveron recluídos os considerados inimigos do réxime nazi entre 1940 e 1945, entre eles moitos intelectuais xudeus, algo que explica a intensa actividade cultural nese campo de concentración.
A Terezín chegou a finais de 1942 Fredericke 'Friedl' Dicker-Brandeis, unha muller crave na organización --clandestina-- de clases de arte para a poboación infantil que se atopaba alí recluída. Aprendeulles a debuxar aos nenos á vez que deseñou os decorados e o vestiario para representacións infantís como a ópera 'Brundibár' do compositor checo Hans Krása, tamén recluído en Terezín e que hai unhas semanas pasou por Vigo e Santiago .