16/01/17

27 de Xaneiro: Día Mundial de Recordo do Holocausto


Foi no ano 2005 cando a Organización das Nacións Unidas estableceu o 27 de xaneiro como o Día Internacional de Conmemoración en Memoria das Vítimas do Holocausto.

Ver o texto da resolución aprobada pola ONU. AQUI 

Foi un 27 de xaneiro de 1945 cando tropas soviéticas entraron ao campo de exterminio de Auschwitz-Birkenau, o último que aínda funcionaba. Do máis dun millón de persoas alí asasinadas atoparon só a 7000 sobreviventes. Algúns días antes os gardas nazis obrigaron a máis de 50000 prisioneiros a marchar para evitar que cairan en mans dos Aliados. A maioría deles foi tamén asasinada. Máis do 90% das vítimas, tanto as asasinadas como os sobrevivientes, eran xudeus.

Auschwitz-Birkenau foi o maior centro de exterminio que crearon os nazis. E converteuse no símbolo do Holocausto permanemte da maldade extrema.

Cando en outubro de 2005 as Nacións Unidas adoptaron o 27 de xaneiro como o Día Internacional de Conmemoración das vítimas do Holocausto, recoñeceron o impacto duradeiro deste na catualidade e no noso mundo. As feridas están aínda abertas, as memorias en carne viva e os efectos do Holocausto aínda non se curaron. A súa sombra proxéctase máis longa aínda mentres o mundo segue loitando para manobrar fora do terrible potencial humano que o Holocausto expuxo, cara a un futuro no cal a humanidade aprenda a previr a repetición de tan terribles sucesos. Como sinalara o ex Secretario Xeral da ONU Kofi Anan, esta institución foi erixida en grande medida sobre as cinzas do Holocausto.

O Holocausto conmoveu os fundamentos máis profundos da civilización occidental, cuestionando a nosa comprensión da mesma humanidade. Por primeira vez na historia contemporánea unha nación moderna e culta se propuxo asasinar á totalidade doutra, sen facer excepción algunha. Non habería conversión nin asimilación posible, nin piedade dos anciáns nin clemencia para os cativos. Os xudeus representaban para os nazis todo o que consideraban errado, como o concepto da igualdade humana baseada na crenza que todos os seres humanos foron creados iguais.

Asasinar aos xudeus significaba liquidar á civilización moderna para substituíla por unha visión de mundo racista, antisemita, totalitaria e brutal. Paralelamente aos millóns de seres humanos que debían desaparecer da face da Terra polo mero feito de ser xudeus, moitos outros indesexables para os nazis deberían ser perseguidos, escravizados ou asasinados. Cómpre lembrar aos centos de galegos asasinados nos mesmos campos nazis que os seus irmáns de destino, os xudeus europeos.

A adhesión da ONU á conmemoración do Holocausto foi sen dúbida un paso importante na toma de consciencia do mesmo e do seu impacto desvastador sobre o mundo. Décadas despois do Holocausto aínda nos preguntamos que é o que o mundo aprendeu daquilo. Polo menos podemos dicir que aprendeu a lembrar, a non esquecer

É misión nosa, tamén dos galegos e galegas, asegurar o recordo e enchelo de contido. Que é o que lembramos? Que é o que queremos previr? Para a Asociación Galega de Amizade con Israel (AGAI) o 27 de xaneiro, o Día de Recordo do Holocausto debería converterse nunha xornada anual que evite que o facho da Memoria esmoreza. É a nosa responsabilidade como militantes da condición humana evitalo.