27/10/16

Presentación en Vigo: "Estación Libertad"



Nun ateigado Auditorio do Areal, tivo lugar onte mércores a presentación en Vigo de "Estación Libertad" do escritor e cineasta Emilio R.Barrachina. 

Centos de xudeus perseguidos polo nazismo salváronse das cámaras de gas grazas a tres irmás galegas que, desde a cantina da estación de Ribadavia, sen recursos económicos nin apenas formación, teceron a principios dos anos 40, unha rede de solidariedade propia dos mellores estrategas, e que permitía aos que chegaban a estas terras do Avia, tras unha durísima viaxe desde Alemaña e outros países, fuxir a través de Portugal na maioría dos casos a Estados Unidos.

Chegaron a vender rifas e realizar accións benéficas para conseguir axudas para a súa causa, e a súa apocada estética, propia da de calquera muller do rural da época, non facía sospeitar do seu importante labor como estrategas. "O verdadeiro valor das irmás Touza, é que sen recursos, vivindo nun país como España, que saíra dunha guerra durísima, arriscáronse e xogaron a súa vida por centos de xudeus aos que nin sequera coñecían, a cambio de nada", explicaba onte Emilio Ruiz Barrachina en Vigo.

"Chámaselles as Schindler galegas, pero aquel empresario alemán tiña medios; elas non e por iso a miña intención é que cada vez que se descubra un caso de solidariedade como o delas, se empece a dicir no mundo "as Touza francesas ou portuguesas ou alemás, pois o que elas fixeron posible nos anos corenta en Ribadavia, merece ter alcance internacional" , indicou o escritor e director. O libro, editado pola "Esfera de las Letras" apoiado por unha interesante documentación fotográfica retrata a historia de Lola, Amparo e Julia Touza, quen gardaron toda a súa vida un segredo, que nin o propio fillo de Lola chegou a saber o labor da súa nai tras a súa morte.

Os fuxidos que chegaban até Ribadavia eran normalmente persoas de boa posición económica "pois tiveran que pagar uns visados, tiveran que pagarse todos os transportes para chegar até España e subornar a moitos, pero as irmás nunca sacaron rendemento diso, non sabían nin a quen estaban a axudar. Limitábanse a tratar de salvar vidas", indica Barrachina. Un deses fuxidos era precisamente unha familia de prestixiosos fabricantes de calzado de orixe xudía, que fabricaban botas para o exército alemán. O nazismo perdooulles a vida un tempo porque os necesitaba. Pero chegada a hora da súa máis que seguro extermino, tiveron que fuxir. 

Barrachina conta de forma directa sinxela e maxistral no libro como antes de escapar rumbo a Portugal estes fabricantes de calzado, adoptaron un neno orfo de 11 anos, que atoparon na estación de Ribadavia. Ese neno é "Martín", nome suposto na novela, que xa con 60 anos, volveu tecer unha rede de contactos para saber a través dun galego emigrado en Estados Unidos, quen foran aquelas mulleres que salvaran aos seus pais adoptivos e a el. Esta procura deu os seus froitos e permitiu destapar en 2008 a entón descoñecida xesta das Touza. Agora a sensibilidade de Barrachina, fará que o seu exemplo siga vivo.