Nas últimas décadas Israel converteuse nunha das maiores potencias
tecnolóxicas do mundo. Con pouco máis de oito millóns de habitantes - menos que
a poboación de Andalucía - Israel conta con máis de 4.000 empresas tecnolóxicas
e 80 das 500 maiores corporacións de todo o mundo teñen neste país filiais
dedicadas á I+D+I.
Microsoft, Facebook, Apple, Paypal, Google, Intel, Cisco, IBM, AOL, Hewlett Packard, Siemens, General Electric ou
Philips son só algunhas das moitas empresas cuxos produtos usamos no día
a día e que dependen en grande medida dos procesos de investigación, innovación
e das capacidades creativas e tecnolóxicas que se desenvolven en Israel.
Pero como conseguiu un país tan cativo e en permanente alerta
contra as ameazas exteriores converterse nun dos líderes da innovación en todo
o mundo? Moitos analistas aluden a factores educativos e culturais que, sen
dúbida, tiveron unha grande influencia no proceso, pero é innegable que tamén
tiveron moito que ver niso as políticas públicas e as fortes apostas
institucionais.
Por exemplo, a promoción do capital risco, a ambición por
construír un auténtico ecosistema de emprendemento e innovación ou a apertura
aos movementos migratorios son algunhas das claves deste enorme éxito
económico.
E é que os resultados non deixan lugar á dúbida: desde finais da
década dos 80, Israel duplicou a súa poboación, multiplicou por catro o número
de empregos e medrou a unha taxa media do 4% anual, de tal xeito que o seu PIB
per cápita de 36.000 € é, hoxe,
superior, por exemplo, ao de España ou Italia.
.
.