Por Pedro Gómez-Valadés
Tiven o
pasado luns a honra de ser convidado e poder asistir no Palacio Real
en Madrid ao acto solemne de homenaxe aos sefarditas expulsados no
ano 1492 e que agora, máis de cinco séculos despois, reciben por
fin xustiza e reparación histórica coa Lei 12/2015 que permite
recuperar a nacionalidade española aos descendentes das vítimas
directas do Edito de Granada promulgado polos Reis Católicos un
aciago 31 de marzo de 1492.
Non é
difícil facerse unha idea do enorme trauma que supuxo para a
comunidade xudía en Sefarad a súa inhumana persecución e expulsión
das súas casas en 1492. E tampouco é difícil facerse unha idea do
inmensamente negativo que foi para Sefarad (España en hebreo), a
perda traumática de decenas de miles de persoas que en moitos casos
eran profesionais, intelectuais, comerciantes, médicos... e que dun
día para outro desapareceron das súas casas deixando un baleiro
histórico difícil de cuantificar.
Un exemplo
que pode axudar a percibir a dimensión da catástrofe que supuxo
para España é o que o investigador Mario Sabán empregou aquí en
Vigo nunha conferencia organizada por AGAI precisamente sobre este
tema. Imaxinemos o que para os Estados Unidos de 2015, suporía a
expulsión e perda da súa comunidade xudía. Científicos,
intelectuais, artistas do cinema, da música, empresarios,
deportistas... porque a proporción da actual comunidade xudía
norteamericana é semellante a comunidade sefardita a altura de 1492.
O dito. Unha
honra poder representar a AGAI nun acto histórico e un recoñecemento
para AGAI nos seus primeiros dez anos de singladura en mares de
calma, marusía e forte marusía
Shalom