15/04/15

Comunicado de AGAI: a propósito das declaracións do M.A.E de Irán de visita a España



Desde a Asociación Galega de Amizade con Israel-AGAI, non podemos pasar por alto as inaceptables e intolerables declaracións -recollidas en múltiples medios- que con motivo da súa actual visita a España, ven de realizar o Ministro de Exteriores da República islámica de Irán, Mohamad Javad Zarif. Declaración nas que reitera o seu desexo e vontade de “eliminar a Israel”, algo xa mil veces afirmado con luz e taquígrafos, polo líder Supremo iraniano o Aiatolá Alí Jamenei e por infinidade de altos cargos da teocracia iraniana, sexan estes relixiosos ou militares.

Que alguén que pola súa moi delicada responsabilidade e como pretendida “cara amable“ da diplomacia iraniana non teña ningún reparo a hora de facer afirmacións deste calado, nunha visita a unha capital Europea, non deixa de ser clarificador das verdadeiras intencións e vontades da teocracia islamita iraniana. 

Desde a Asociación Galega de Amizade con Israel-AGAI queremos así mesmo manifestar o noso desconcerto e o noso malestar polas declaracións feitas polo Ministro de Exteriores español, Sr. Garcia-Margallo afirmando de xeito precipitado que España apoia o levantamento inmediato das sancións a Irán (sen espera dun período de verificación), no mesmo intre da sinatura do Acordo que está a ser negociado polo denominado grupo 5+1(EEUU, Rusia, China, Gran Bretaña, Francia e Alemaña) e Irán.

Desde a Asociación Galega de Amizade con Israel-AGAI, entendemos que unha toma de posición ao respecto por parte de España, máis aínda por mor da súa actual condición de membro do Consello de Seguridade de Nacións Unidas, requiriría moita prudencia nas afirmacións, e moita coordinación coas potencias negociantes do Grupo 5+1, e que son as que en boa lóxica entendemos están do noso lado, e non, como todo parece indicar, tomando posición a prol da posición que defende a parte contraria, o réxime teocrático e totalitario iraniano. 

Vigo, 15 de abril de 2015
www.amizadeconisrael.org