25/01/15

Je suis Charlie Hebdo



Por Pablo Veiga
www.terracha.com
 
Recoñezo que xa tiña elaborado o primeiro artigo do presente ano para o xornal Terra Cha, cargado de tópicos inherentes ás datas recentes que deixamos atrás; nada orixinal. E sempre, desde aquela primavera de dous mil oito que un ten a honra de colaborar con este humilde pero ambicioso proxecto comunicativo, dándolle un enfoque local ó que se conta. Pero logo do lategazo recibido tra-lo acontecido na marabillosa cidade de París, onde tres malnacidos segaron a vida de dezasete persoas no nome de non sei que Deus como vinganza ás supostas ofensas plasmadas a través dnunhas viñetas por uns debuxantes que usaban os seus lápices como únicas armas, vinme na obriga de variar por completo o tema a tratar. As imaxes onde un deses terroristas executa cun tiro a un policía mal ferido, deron a volta ó mundo como proba da barbarie máxima.

Non é un problema menor o que está a suceder no noso continente. Os países que se atopan alén dos Pirineos teñen unha traxectoria democrática desde a segunda guerra mundial fora de toda dúbida, caracterizándose, maiormente, pola existencia neles dun estado de dereito, o cal garante uns principios elementais, entre os que están as liberdades, individuais e grupais, sexan estas de credo, de prensa, de asociación ou sexual.
Nesas sociedades acolléronse a milleiros de inmigrantes que chegaron doutras terras, de culturas, razas e relixións diferentes, respectando as peculiaridades de cada quen. Homes e mulleres que contribuíron co seu esforzo ó progreso das respectivas nacións, que formaron familias e tiveron descendencia nunha Europa que tamén cometeu moitos pecados en tempos pretéritos, que convén non esquecelo, pero que foi receptiva a toda esa diversidade. 
 
O sucedido na capital francesa é unha continuidade do que pasou nos trens de Madrid hai case once anos e despois no metro de Londres. Matar por matar e canto máis, mellor. Estamos ante unha fórmula terrorista despiadada –se é que algunha merece un cualificativo máis benévolo- á cal semella moi complicado combater. Si cómpre manterse firmes ante as agresións ó noso modelo de sociedade e non podemos pechar os ollos ante certas actitudes e comportamentos que se están a producir en barrios concretos de moitas cidades europeas. Débense respectar crenzas e prácticas relixiosas, mais as mesmas non poden ir contra a lei. É intolerable que un imán desde o púlpito dunha mesquita faga indicacións de como un home debe pegar a súa dona. Resulta inadmisible que a unha nena musulmá non a deixen acudir a clases de educación física ou natación por non levar un velo tapando os seus cabelos. E baixo ningunha desculpa podemos consentir que se lle practique a unha pequena a ablación, talvez a maior das monstruosidades que se lle pode facer a unha muller. Non negamos o positivo da mistura de razas e culturas, mais existen liñas vermellas que son infranqueables e nesta ocasión foron claramente superadas. 

Je suis Charlie (Eu son Charlie) e tamén son xudeu –catro dos asasinados tamén o eran e por iso os mataron-. Desde esta columna, un modesto servidor quere render a sentida e merecida homenaxe a todos eles.

*Pablo Veiga é socio de AGAI e colaborador habitual do xornal Terra Cha