23/01/15

COMUNICADO: Solicitude ao Parlamento de Galicia




AGAI solicita que o Parlamento de Galicia se sume a conmemoración internacional Día de Recordo da Memoria das Vítimas do Holocausto

A Asociación Galega de Amizade con Israel-AGAI, solicita por medio dun escrito presentado no Rexistro do Parlamento de Galicia (nº de entrada 15472) e dirixido á presidenta da cámara Dna.Pilar Rojo, así como tamén aos portavoces de todos os grupos parlamentares, que co gallo da conmemoración mundial o vindeiro día 27 de xaneiro do Día Internacional de Recordo das Vítimas do Holocausto, data de conmemoración  instaurada por Nacións Unidas no ano 2005, solicítase a aprobación pola cámara galega dunha Declaración Institucional na que o noso Parlamento sume un ano máis a súa voz e o seu nome a infinidade de institucións e organismos en todo o mundo que teñen a data do 27 de xaneiro como día referencial dedicado á memoria da barbarie que asolou Europa durante o Holocausto nazi e de loita contra o antisemitismo e a prevención dos crimes contra a humanidade. 

Lembrar que precisamente este vindeiro martes 27 de xaneiro de 2015 cúmprense 70 anos da liberación do campo de exterminio de Auschwitz-Birkenau. Data esta a do 27 de xaneiro que foi a escollida pola Asemblea Xeral de Nacións Unidas no ano 2005 para a conmemoración e lembranza anual da Memoria das vítimas do Holocausto.

AGAI estamos seguros da receptividade e sensibilidade dos nosos representantes para que o noso Parlamento de Galicia, casa común de todas as galegas e galegos, saiba estar un ano máis a altura que cómpre demandarlle como tal lugar común.

Vigo, 23 de xaneiro de 2015