31/01/15

Gran éxito da semana de actos en Moaña


Ramón Villares -segundo pola dereita- no comezo do acto
Impresionante éxito da conferencia que tivo lugar onte en Moaña co gallo do 70 cabodano da liberación de Auschwitz-Birkenau e na que centos de persoas ateigaron por completo o amplo salón de plenos do Concello para escoitar o relato directo de testemuñas da barbarie do Holocausto.
  
O salón de plenos logrou un cheo dos que moi poucos lembran no lugar. Veciños de Moaña e chegados incluso de Vigo, de todas as idades, acudiron masivamente ao acto co que se pechaba a semana dedicada a conmemoración do 70 aniversario do peche do campo de exterminio nazi de Auschwitz. O testemuño directo de Annia Heroszowski, sobrevivente do Gueto de Lvov e de Francis Papiernik, filla doutros dous sobreviventes (o pai estivo en Auschwitz), deixaron emocionado testemuño do horror dun dos capítulos máis negros da historia da humanidade. O eminente historiador Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega,  achegou o contexto histórico a unha xornada absolutamente inesquecible.
.
Dende a Xunta Directiva de AGAI queremos agradecer ao Concello de Moaña, nomeadamente ao seu Alcalde pola súa exemplar implicación e colaboración neste acto que colocou a vila da Ría de Vigo no Mapa europeo da lembranza de Auschwitz xunto con cidades de todo o noso continente. 
.
E un recoñecemento moi especial ao noso socio-fundador Carlos Galansky e ao seu fillo Oscar polo perfecto traballo desenvolvido ao longo de toda esta semana. Dende a Xunta Directiva os nosos parabéns. Mazel Tov!