![]() |
Tzipi Livni e Saeb Erekat |
Por Alon Bar*
O 17 de decembro, Saeb Erekat, xefe do equipo negociador
palestino, publicou na edición en papel do xornal El País un artigo repleto de
críticas punzantes cara a Israel co fin de xustificar o seu chamado á adopción
de medidas unilaterais coma a resolución do Consello de Seguridade da ONU
(votada o pasado 30 de decembro) ou o recoñecemento do Estado palestino. Estas medidas
non contribúen a promover a solución de dous estados.
Erekat, que participou en todas as roldas de negociacións
entre Israel e os palestinos, sabe perfectamente que en cada unha desas roldas
Israel tomouse moi en serio a consideración das posicións palestinas e a
promoción dun acordo que permita a existencia de dous estados para dous pobos,
un palestino e outro xudeu, convivindo en paz e seguranza.
Erekat sabe que nas últimas dúas roldas, quen encabezou a
delegación de negociación israelí foi unha muller plenamente comprometida coa
solución de dous estados. Eu mesmo estiven á fronte do gabinete político da
entón Ministra de Asuntos Exteriores Tzipi Livni durante as negociacións
levadas a cabo en 2007-2008 e tanto Saeb Erekat coma eu sabemos que aquelas
negociacións permitiron un maior achegamento entre as partes.
As deliberacións truncáronse non a causa do rexeitamento
israelí senón porque unha e outra vez, en 2000, 2007 e 2014, no momento da
verdade, cando foron presentadas propostas transcendentes por parte de Clinton
(2000), Olmert (2007) e o Secretario de Estado Kerry (2014), os representantes
palestinos negáronse a dar resposta e recorreron á violencia e a unha campaña
política contra Israel.
En 2000 os palestinos responderon o plano de Clinton cunha
intifada mentres apoiaban a Hamás con autorizacións e armas para levar a cabo
actos de terrorismo (actualmente está a publicar un líder de Hamás información
sobre o apoio da Autoridade Palestina ás súas actividades terroristas naquela
época). O ano pasado, á proposta de principios de marzo de 2014 do Secretario
de Estado Kerry, os palestinos responderon lanzando unha campaña política internacional
contra Israel e coa creación dun goberno de unidade coa organización terrorista
Hamás. Hamás, tras asinar o acordo, secuestrou e asasinou a tres rapaces xudeus
e comezou o ataque contra Israel co lanzamento de foguetes e mísiles desde
Gaza.
Ás falsas acusacións sobre o asasinato do ministro palestino
a pesar da autopsia realizada pola Autoridade Palestina que determinou que
morreu dun ataque ao corazón, súmanse outras declaracións incendiarias sen
fundamento realizadas polos líderes da Autoridade Palestina incitando á
violencia.
Erekat, que solicita no artigo apoio ao dereito de
autodeterminación palestino, négase a aceptar o dereito á autodeterminación do
pobo xudeu, o vencello nacional do pobo xudeu coa súa terra e o dereito a
defenderse contra as organizacións terroristas que tentarán converter o
territorio do futuro estado palestino nunha base de lanzamento de mísiles e
ataques contra Israel.
O intento palestino de impor as súas condicións por medio
dunha resolución do Consello de Seguridade da ONU ou polo apoio dos parlamentos
europeos son un sucedáneo, unha mala alternativa, ás indispensables
negociacións con Israel. Os palestinos prefiren esta vía porque non esixe nada
deles, e permítelles evitar adoptar as decisións difíciles precisas para a
creación do seu Estado. Pola contra, as negociacións con Israel requiren
concesións como o recoñecemento de Israel como Estado-nación do pobo xudeu, o
fin do conflito, unha resposta ás preocupacións de seguridade de Israel, etc...
Unha e outra vez escoitamos aos nosos homólogos europeos
dicir que as decisións sobre o recoñecemento do Estado palestino teñen por
obxectivo axudar a renovar as negociacións entre israelís e palestinos. Se un
le atentamente o artigo de Saeb Erekat, non atopará o máis mínimo indicio de
que estas decisións vaian permitir ou contribuír a ese fin. E como van
contribuír se proporcionan aos palestinos unha vía para soslaiar as negociacións
á vez que exercen unha presión sobre Israel sen necesidade de que os palestinos
fagan concesións?
As resolucións do Congreso dos Deputados español e do
Parlamento Europeo inclúen unha mensaxe importante: é imprescindíbel vencellar
o recoñecemento do estado palestino ás negociacións con Israel. Con todo, os
palestinos ignoran esta mensaxe, tan esencial, e tratan de continuar coa súa
campaña unilateral, agora na ONU. Por iso cremos que tales resolucións non
contribúen ao avance cara á paz.
O obxectivo desta actuación por parte dos palestinos non é
renovar as negociacións, senón crear un ambiente de hostilidade entre Europa e
o seu único aliado en Oriente Próximo, o único país co que comparte os valores
da democracia, a liberdade de expresión e de prensa, a igualdade de dereitos
para os cidadáns independentemente da súa orixe, relixión, xénero, etc.
Estas medidas non promoven as negociacións nin promoven unha
solución política do conflito; promoven a alternativa da loita e o odio entre
os pobos. Europa non debería contribuír a iso.
Os palestinos deben elixir o camiño da campaña política
internacional, da alianza con organizacións terroristas e da incitación ao odio
e á violencia, ou ben, o camiño do diálogo, a negociación, a reconciliación e
as decisións difíciles. Pode Europa axudarlles a adoptar as decisións
correctas?
*Alon Bar foi Xefe de
Gabinete da Ministra de Asuntos Exteriores Tzipi Livni e actualmente é o Embaixador de Israel en España