08/09/14

Visitas guiadas á xudaría de Monforte de Lemos



Monforte de Lemos pertence, xunto con outras 23 poboacións de España, á Asociación “Red de Juderías de España - Caminos de Sefarad”. A inclusión da cidade na citada asociación representa un recoñecemento ao seu rico pasado medieval e en particular á forte pegada hebrea no mesmo. O concello de Monforte de Lemos considera moi importante o feito de pertencer a esta asociación polas posibilidades que permite de divulgación do patrimonio histórico e artístico da cidade.

Co contexto sinalado relaciónanse unha serie de actividades que se desenvolven anualmente destacando, ao igual que noutras poboacións pertencentes á “Red de Juderías de España - Caminos de Sefarad”, as relacionadas coa Xornada Europea da Cultura Xudía que o domingo 14 de setembro celebra en toda Europa a súa XV edición dedicada ás “Mulleres no xudaísmo”.

Están programadas para esta Xornada tres visitas comentadas á zona xudía de Monforte, con saída dende a Oficina Municipal de Turismo, na rúa Comercio 6, ás 11:30, 17:30 e 19:00 h. As visitas  correrán a cargo do historiador monfortino Felipe Aira, sendo estas gratuítas e cunha duración de hora e media.

A Xornada Europea da Cultura Xudíaterá que terá lugar simultaneamente en máis de 25 países de toda Europa son unhas xornadas de portas abertas con actividades para todos os gustos e idades: visitas guiadas a barrios xudeus, museos, centros de interpretación e sinagogas, conferencias, exposicións, concertos, obradoiros, etc. un amplo abano de manifestacións cun obxectivo común: achegar a herdanza cultural da tradición xudía en Europa a todos os cidadáns.

A Xornada está organizada a nivel europeo pola AEPJ “Asociación Europea para la Preservación del Patrimonio Judío” co apoio do “Consejo de Europa e do Instituto Europeo de Itinerarios Culturales”.  Cada país conta cunha coordinación propia, que no caso de España recae na “Red de Juderías de España - Caminos de Sefarad”.