Por Manuel S.Pérez Millos
Xa temos, de novo, lea
entre palestinos e israelíes; xa hai, outra vez, mobilizacións e,
mesmo, unha chea de manifestacións contra dos xenocidas sionistas;
xa se escoitan, coma sempre, os ouveos pseudo-progresistas e, xa que
logo, o coñecido aderezo das novas nesgadas nas canles informativas.
Até o momento non hai, segundo dixera o Sabio, “ningunha cousa
nova baixo do sol”.
Con todo, o público
debería saber certas cousas de interese e que inflúen
substancialmente nos feitos que se debaten, detalles que, coma
sempre, son calados polos “progres” e esvaecidos polos
informadores. A primeira cousa é que o incremento da tensión
obedece a que tres rapaces adolescentes foron secuestrados e
asasinados por terroristas palestinos. Non cabe confundir accións
militares contra das forzas armadas do inimigo con actos repulsivos
de terror.
A segunda cousa é que
Israel da resposta cos seus bombardeos a os moitos bombardeos que
sofre contra dos seus cidadáns e contra do seu territorio. E,
curiosamente, os informadores expoñen, primeiramente, que Israel
bota bombas; despois, e as veces, mentan que antes Hamás mandou
foguetes, pero sendo esta aportación informativa algo tan subxacente
que semella irrelevante. Seica o importante é que se saiba que
Israel ataca, o que merece ser destacada é a ferocidade sionista.
Unha outra cousa notable
que se cala canto se pode, é que Israel buscou e prendeu aos
desalmados que, en vinganza, asasinaron a un mozo palestino. Que a
policía palestina estivera a facer algo por atopar aos criminais que
se atopan entre os seus, é cousa coma a do xeneral aquel: nin está,
nin se lle espera.
Unha cuarta cousa
esquécese a cotío: as vítimas civís entre os palestinos non son
froito de que Israel ataque obxectivos non militares en Gaza, senón
que débense a que os valentes heroes dos milicianos de Hamás,
agóchanse detrás dos máis febles, e dicir, de nenos, mulleres,
vellos e cidadáns non militarizados; deles e das súas casas,
escolas ou hospitais.
Nembargantes, si é certo
algo: o antisemitismo hispano e a israelofobia impresentable (por
inconsistente, por interesada e por torticeira), xa ten desculpa, de
novo, para os seus arroutados vociferios. E os desinformados e os
pasotas, xa teñen argumentos para a súa teima sen fundamento. Pero
o importante é falar; saber do que se fala… é secundario.