Por Simón Caaveiro
La Voz de Galicia - 20.07.2014
Recentemente, o Portavoz
Nacional do BNG, Xavier Vence, dirixía unha misiva para o Embaixador
de Israel en España, o señor Alon Bar. No escrito, o mandatario da
formación reprochaba a actuación militar de Israel na Franxa de
Gaza contra a organización terrorista Hamas. A censura facíase en
termos especialmente duros: Vence sinalaba que en Gaza se estaba a
cometer un “xenocidio”, que Israel desenvolvía unha política
“imperialista e xenocida” e que ese país cometía “crimes de
guerra e lesa humanidade”.
Independentemente do que se poida pensar a respecto da operación Marxe Protector que Israel desenvolve en Gaza, o proceder de Xavier Vence trae á tona un interrogante que merece ser respondido. Por que o Portavoz Nacional do BNG dirixe cartas unicamente á embaixada de Israel? O propio Vence asevera na comunicación que se considera un “cidadán preocupado polo que acontece no planeta”, que “representa unha formación que acredita no dereito de autodeterminación dos pobos” e que a actuación de Israel desata ao seu redor “rabia e dor”. Todo isto é sinceramente admirable.
Porén, se de veras Vence
estivese preocupado “polo que acontece no planeta” tería
dirixido unha carta a, por exemplo, algún diplomático dese goberno
sirio que masacra o seu propio pobo nunha guerra civil de xa varios
anos. Se de veras Vence e a súa formación política acreditasen no
dereito á autoderminación terían reprendido o actor que con máis
virulencia nega este dereito: Hamas, que chama nos seus documentos á
destrución de Israel impedindo a autodeterminación do pobo xudeu. E
sendo isto perfectamente compatible coa lexítima expresión de
preocupación polo respecto aos Dereitos Humanos e o Dereito
Internacional.
Esta actitude de reproche
selectivo non é única do BNG, mais tamén é practicada por outras
forzas da estrema esquerda, autodenominadas nacionalistas ou non.
Así, sería de agradecer que esta “raiba e dor” que se di sentir
se expresase con máis frecuencia e cada vez que, a ollos de quen a
di sentir, se produza unha inxustiza. Desa maneira, os mais non
poderíamos pensar, no mínimo, que Xavier Vence se indigna
arbitrariamente e, no máximo, a súa acción política queda
invalidada polo cinismo e hipocrisía que agacha.